Denunciamos o asalto da dereita autoritaria para recortar dereitos e liberdades

Por Anova IN o 8 de Febreiro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Antón Sánchez: «Despois da campaña de infamia e de mentira do Partido Popular en contra das alcaldías rebeldes, Alberto Núñez Feijóo debera explicar se nese vale todo entra Vox para reconquistar concellos e deputacións. Todo o mundo xa sabe cal é a resposta»

«O que vai a facer Feijóo a Madrid é inaudito e infame: un presidente de Galiza pedindo da man do fascismo que se lle recorte a autonomía para entregarlla á extrema dereita recentralizadora»

Este domingo a dereita extremada e a extrema dereita tomarán as rúas de Madrid para esixir menos dereitos e menos democracia para os cidadáns e os pobos.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019.- Despois do recambio andaluz estase a configurar no Estado español un bloque político reaccionario que pretende pechar de forma autoritaria a crise política que hoxe vive o Réxime do 78. Diante da denuncia posta enriba da mesa polo 15-M e polo proceso catalá, a dereita extremada e a extrema dereita pretenden limitar aínda máis os dereitos e as liberdades conquistadas polos cidadáns tras décadas de loita.

O terreo leva meses sedimentándose para o auxe da extrema dereita. O problema non é só Vox, se non o discurso que se foi elaborando nos últimos tempos, no que o nacionalismo español rearmouse e o taboleiro político virou para a dereita. Asistimos a un momento de inflamación e mesmo de militarización da linguaxe que non axuda nada a establecer un debate en termos democráticos.

A deriva fascistoide do PP, Ciudadanos e Vox exprésase moi visiblemente na negación do diálogo como vía para a resolución de conflitos políticos. Negar o diálogo político en Cataluña como vía de resolución do conflito e negarlle á sociedade catalá poder decidir democráticamente e pretender retrotraernos aos anos máis escuros do Estado español, cando se escoitaba a mesma linguaxe que utilizan hoxe Casado, Rivera e Abascal dende os altofalantes do réxime franquista. “Non é, unha vez máis, unha cuestión catalá, é unha cuestión de democracia”, afirmou Antón Sánchez.

Cada vez que Pedro Sánchez vira á dereita recibe máis presión do Partido Popular e de Ciudadanos, na procura de asentar o bloque reaccionario e liquidar a opción de cambio no Estado español. Vímolo recentemente na nefasta xestión realizada por Moncloa cando decidiu pechar filas con Donald Trump diante da cuestión venezolana: nada é suficiente, osíxeno cero, radicalizar o marco e procurar tronzar a alianza que permitiu a moción de censura contra Mariano Rajoy.

E é que non se está a atender o debate de fondo. A crise política que vive o Réxime do 78 pode ter diferentes saídas, e nós seguimos apostando pola República e a ruptura democrática asentada no dereito das nacións a decidir democráticamente o seu futuro e a plena soberanía popular rachando coas estruturas e cultura herdadas do réxime franquista. Pero nestes momentos a correlación de forzas vai na dirección oposta, no peche de filas reaccionario. Ou somos quen de consolidar no Estado español unha alianza contra o 135 e o 155 que supoña unha alianza da esquerda federal e confederal cos diferentes soberanismos de esquerda, ou asistiremos a un novo capítulo de autoritarismo e de represión que en maior ou menor medida padeceremos dalgún xeito todos os actores que nos situamos nun campo político que sempre vai ser plural e diverso. Por isto dende Anova reafirmamos a necesidade de tender amplas alianzas na rúa e nas institucións para facer fronte a esta deriva.

Diante desta ameaza aos nosos dereitos e liberdades non podemos extraernos do curtopracismo que impón a fábrica de infamia na que nestes momentos se nutre a política en Galicia, nesa coalición de poder conformada polo Partido Popular e os principais poderes do país. Asistimos nestes momentos a auténtico lixo político en contra das alcaldías do cambio nutridos unicamente de argumentarios, xa que os mesmos voceiros do PPdeG anuncian que descartan ir aos tribunais. Eles non, pero a cuestión rematará alí, fora dos tempos desta xincana electoral. Eles marcan os ritmos e os titulares, a nós só nos queda a mobilización e a rúa. Debemos traballar intensamente para activala nestes duros meses que veñen.

Detrás da guerra sucia incitada polo PPdeG en contra dos gobernos rebeldes non hai outro interese que levantar unha cortina de fume para que non vexamos o evidente: que para recuperar concellos e deputacións non terán ningún problema en pactar e gobernar coa ultradereita que nestes momentos representa Vox.