Anova apostou por bloquear hoxe no Congreso o ascenso da ultradereita

Por Anova IN o 13 de Febreiro de 2019 en Actualidade

Apostamos por manter a maioría que facilitou a moción de censura contra Mariano Rajoy para avanzar na recuperación de dereitos sociais, presionar para situar no debate a Axenda Galega do Cambio e reverter o avance do bloque reaccionario que nestes momentos conforman PP, Ciudadanos e Vox.

Nunca planeamos nin como mera hipótese unir os nosos votos aos de Ciudadanos e aos do Partido Popular.

Defendemos a posición mantida polos deputados e deputadas de En Marea no Congreso, electos nunha coalición conformada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e a nosa organización.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2019.- Asistimos a un momento sumamente complexo, polo que é necesario poñer por diante os intereses das maiorías sociais e das clases subalternas diante dos intereses partidarios. Infelizmente impóñense posicións incomprensibles, que tan só se entenden polo electoralismo extremo e polo regate curto.

Sería un desastre que a dereita extremada do Partido Popular e de Ciudadanos xunto coa ultradereita de Vox levase o escenario andaluz ao Estado español. Estamos diante dunha cuestión que non ten que ver coas partidas orzamentarias, se non sumar en clave antifascista para frear esta loucura. Diante desa ameaza non valen medias tintas: unidade de acción fronte ás novas formas de fascismo. Esa é a única posición posible, por iso respaldamos a opinión maioritaria dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso, electos dentro dunha coalición conformada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e a nosa organización.

Hoxe votábanse conxuntamente as emendas á totalidade, cun sistema absurdo e antidemocrático que fai que as emendas do Partido Popular e de Ciudadanos vaian na mesma votación que as presentadas por ERC e o PDeCAT. Ningunha destas emendas á totalidade falan de mellorar as condicións materiais do pobo galego. Hoxe non se votaban os orzamentos, se non estas emendas á totalidade. Os deputados e deputadas de En Marea no Congreso fixeron un bo traballo realizando emendas parciais e negociando en pé de igualdade co goberno de Pedro Sánchez, conseguindo compromisos para mellorar os Orzamentos Xerais do Estado mediante 300 emendas de En Marea. Hoxe a ministra Montero deu o seu compromiso para a aprobación parcial das mesmas.

Entendemos que, por parte do goberno de Pedro Sánchez, non houbo valentía suficiente á hora de poñer a axenda social, a axenda de Galicia e a cuestión dos pobos no centro da axenda gubernamental. Os elementos que teñen que ver coa axenda social foron postos enriba da mesa grazas ao traballo que realizamos cos nosos aliados confederais. Tan só así se entende que cuestións como a subida do SMI ou da defensa das pensións estiveran no centro do debate. O PSOE non quería chegar até alí, fomos nós os que condicionamos ese escenario.

O reparto do orzamento a nivel territorial estivo condicionado por unha posición miope e electoralista, primando aos caldeiros tradicionais de voto do PSOE. Eles mesmos – na práctica e no material – deron por sentado que o período aberto dende a moción de censura contra Mariano Rajoy ía ser necesariamente corto. Cada vez que se abría un escenario de diálogo e de recoñecemento das nacións sen Estado, Pedro Sánchez plegábase á vontade das súas baronías. Cada vez que a dereita extremada e a dereita do PSOE marcaba o ritmo para rachar a alianza, Moncloa cedía de forma absolutamente irresponsable.

Tampouco estamos diante de marcos de colaboración que conten cunha mínima reciprocidade: vímolo en Santiago e na Coruña, na que os votos do PSOE sumáronse aos do PP para bloquear uns orzamentos expansivos e sociais que favorecían no material ás condicións de vida da cidadanía. As alternativas que se están a fraguar contra os gobernos de Compostela Aberta e da Marea Atlántica non son outras que acordos do PPdeG coa ultradereita. Compre lembrar hoxe que nestes casos non houbo unidade de acción antifascista, nin responsabilidade, tampouco sentido común. Señores do PSOE e do PSdeG: muden o seu rumbo antes de que sexa demasiado tarde.

Nese sentido apelamos a todas as forzas políticas progresistas, aos soberanismos de esquerda e á esquerda federal e confederal, a recuperar a unidade de acción que mantivemos na moción de censura contra Mariano Rajoy como dique de contención contra a dereita extremada e o fascismo para impedir que se impoña unha axenda ultra de austeridade e de laminación dos nosos dereitos e liberdades.