Iniciamos un proceso de diálogo político para reforzar a Unidade Popular en Galiza

Por Anova IN o 16 de Febreiro de 2019 en Actualidade, Comunicados

As eleccións xerais do 28 de abril convócanos a sumar forzas para frear a deriva autoritaria impulsada polas forzas políticas ultraconservadoras. Un deriva autoritaria alentada pola tríade reaccionaria de PP, Ciudadanos e Vox que se fixeron co goberno de Andalucía e queren facerse co control do Goberno do Estado para limitar dereitos sociais e democráticos fundamentais poñendo en risco a convivencia democrática. Unha política retrógrada á que se presta como cara amable o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo.

Cómpre activar, política e socialmente, unha maioría cidadá que derrotar o programa da austeridade neoliberal e a tentación de limitar das liberdades e recentralizar o Estado que anima ao bloque reaccionario que lideran Casado, Rivera e Abascal. Os dereitos e liberdades conquistados tras anos e anos de loita atópanse en perigo. Non estamos diante dunha cita electoral calquera. O seu resultado determinará unha solución autoritaria ou democrática para superar a crise de Réxime do 78 que deixou á luz o 15-M e o dereito a decidir en Cataluña o 1-O.

Temos unha responsabilidade enorme con todos aqueles cidadáns e cidadás que aspiran a ter un instrumento político para as maiorías sociais da Galiza que non se resignan. Imos dar continuidade ao camiño da Unidade Popular que iniciaron AGE, as mareas municipalistas e o Acordo de Mazarelos que subscribimos Anova, Esquerda Unida e Podemos, e a Asemblea de Vigo como aposta pola ruptura democrática, a defensa dos dereitos sociais e das liberades individuais e nacionais de Galicia.

Anova inicia o diálogo político cos aliados cos que vimos compartindo espazo, xunto con axentes cidadáns e sociais, para definir a alternativa coa que concorrer aos vindeiros comicios estatais.