Chamamos á mobilización e á folga feminista neste 8-M

Por Anova IN o 7 de Marzo de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

«Xa non estou aceptando as cousas que non podo cambiar, estou cambiando as cousas que non podo aceptar», con esta claridade se manifestaba Angela Davis nunha entrevista dos anos setenta e con esta mesma rotundidade saímos á rúa milleiros de mulleres no noso país o pasado 8 de Marzo. As rúas enchéronse e os berros foron unánimes: Estamos fartas! Fartas de que nos maten, de que nos agredan, de que nos discriminen, de que nos ignoren, de que nos empreguen como moeda de cambio, de que nos convertan en cousas coas que comerciar. Fartas!! Tivemos claro que os tempos mudaran e de que, por fin, estabamos a ser protagonistas dun cambio que levabamos tempo construíndo millóns de mulleres, pedra a pedra, ao longo de décadas.

Neste último ano, o termo «sororidade» converteuse en palabra de orde e as loitas dunhas convertéronse nas loitas de todas. Puxemos os panos verdes, porque o aborto será legal en Arxentina e en todos os países nos que aínda non o é; dixémoslle ao poder xudicial que non é non e que, se non hai si, tamén é non; saímos á rúa por cada muller asasinada, porque nos queremos libres e vivas; acompañámonos nas folgas e nos despidos, porque somos mulleres pero tamén traballadoras e precarias; plantámonos diante dos ventres de alugueiro, porque constitúen unha das formas de explotación máis extremas; esiximos, tamén, recursos e non só discursos e, aínda que claramente insuficientes, tiveron que poñelos.

Todo isto empoderounos, pero tamén espertou ao monstro durmido, que non morto, e fixo que sacase a carauta para deixarse ver como sempre foi, sen a maquillaxe dun discurso politicamente correcto, sen as correccións que se viron obrigados a manter. Cuestionamos a esencia do patriarcado e do sistema capitalista: a dominación duns poucos sobre as moitas e os xinetes da apocalipse veñen para rescatalos. E iso amósanos que este é o camiño, que estamos batendo nos fundamentos dun sistema ferido de morte que acabará caendo.

É por iso que, neste novo 8 de Marzo, dende Anova – Irmandade Nacionalista, chamamos a todas as mulleres de Galiza a participar na Folga de Mulleres; unha folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo. Así como tamén en todas as actividades que, por todo o país, artella o movemento feminista. Precisamos outra gran marcha de mulleres, mulleres comprometidas, en palabras, novamente, de Ángela Davis: «unha marcha de mulleres que representa a promesa do feminismo na súa oposición aos poderes perniciosos da violencia do Estado. É un feminismo inclusivo e intersectorial que nos pide que nos unamos para resistir ao racismo, á islamofobia, ao antisemitismo, á misoxinia e á explotación capitalista».

Sigamos pois, por todos os dereitos e por todas as mulleres: revolta feminista!!