O comunicado dunha suposta asemblea local de Anova Ourense carece de lexitimidade

Por Anova IN o 9 de Marzo de 2019 en Actualidade, Comunicados

Fíxose ao marxe das normas da organización e marxinando a militantes que non foron convocados na localidade.

Non todas as persoas afiliadas a Anova en Ourense son convocadas ás reunións, tal e como veñen de poñernos en aviso un grupo de militantes da cidade, polo que dificilmente podemos aceptar que a opinión trasladada onte aos medios de comunicación é a do conxunto maioritario da nosa militancia nesa localidade.

En Anova, como en calquera organización política democrática, as decisións adóptanse democraticamente a través dos organismos dispostos estatutariamente. Este non é o caso da autodenominada Anova-Ourense.

Dende a celebración da nosa III Asemblea Nacional en marzo de 2017, non tivo lugar a necesaria renovación de organismos nesta localidade, e as persoas que ostentaban a responsabilidade da organización antes deste período asembleario mantiveron o control dos recursos da organización en Ourense.

Decisións como as de rachar Ourense en Común pactando con outros sectores unha nova plataforma electoral ou as de presentarse nas primarias de En Marea son contrarias ás decisións estratéxicas de Anova e tampouco tiveron o aval da Asemblea local de Ourense. As decisión adoptadas polas persoas que se apropian do nome de Anova en Ourense só teñen un obxectivo: rachar o proxecto mestizo, plural e diverso da Unidade Popular.

Anova-IN é un proxecto nacional con asembleas territoriais que teñen autonomía no seu traballo político, mais nunca foi pensada coma un reino de taifas de intereses localistas. Anova-IN é un proxecto nacional galego que desde a súa fundación en 2012 apostou pola unidade da esquerda, unidade decidida democraticamente polo conxunto da súa militancia en Asembleas Nacionais, asembleas territoriais, Conferencias e na Coordinadora Nacional, máximo órgano entre asembleas.