Anova non concorrerá ás eleccións xerais por non darse as condicións políticas necesarias para a creación dunha fronte ampla.

Por Anova IN o 15 de Marzo de 2019 en Actualidade, Comunicados

Anova centrará os seus esforzos nas vindeiras municipais traballando no espazo de unidade popular.

O pasado xoves 14 de marzo, a Coordinadora Nacional de Anova tivo unha reunión extraordinaria para valorar as conversas políticas que mantivemos con diferentes partidos, despois de que o pasado 23 de febreiro, neste mesmo organismo, lanzásemos a proposta de crear unha Fronte Ampla para as eleccións xerais do 28A.

Mantivemos, por unha banda, conversas con Podemos Galicia e con Esquerda Unida, forzas coas que vimos compartindo espazo e alianzas, pero non conseguimos pechar un primeiro acordo que poder trasladar a outras forzas políticas. O BNG desbotou a oferta de diálogo e En Marea fixo outro tanto, remitíndonos ao seu proceso interno de primarias.

Lamentablemente, non se dan as condicións políticas para que Anova poida asinar un acordo semellante ao que deu orixe á coalición En Marea en 2016. Condicións que pasan pola imprescindible coralidade do espazo en clave de ruptura. Pese a que a proximidade das eleccións municipais fixo que as mareas municipalistas non puidesen implicarse no proxecto de fronte ampla, cónstanos o seu esforzo por acadala e serán fundamentais para conquerir a unidade no futuro.

Con todo, seguiremos o proceso de diálogo para apoiar e impulsar candidaturas de Unidade Popular nas eleccións municipais. No inmediato, a prioridade de Anova será construír un espazo de ruptura, necesariamente plural, no maior número de concellos galegos.

Pularemos como vimos facendo dende o noso nacemento pola unidade popular como ferramenta fundamental para conquerir os obxectivos das maiorías sociais agredidas.

Despois das eleccións municipais, Anova abrirá un período de debate e reflexión sobre a nosa estratexia política que concluirá na nosa vindeira IV Asemblea Nacional.