Anova reitera o seu apoio á candidatura de Ourense en Común

Por Anova IN o 6 de Maio de 2019 en Actualidade, Comunicados

Hoxe o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez compareceu en rolda de prensa xunto con Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía de Ourense en Común, para mostrar así o seu apoio nas eleccións municipais de 2019.

Antón Sánchez: “Coñecemos o traballo de Ourense en Común, a súa filosofía de intentar ser a voz da cidadanía, con metodoloxías abertas á participación. É coherente coa aposta de Anova”.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2019.- Desta maneira Anova Irmandade Nacionalista pretende facer un novo apoio público a Ourense en Común, a candidatura cidadá que encabeza Martiño Xosé Vázquez.

Na súa intervención, o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez reiterou o apoio “a este proxecto da cidadanía progresista de Ourense”, como unha mostra da posición que Anova leva aprobado nos seus diferentes procesos asemblearios internos. Así Antón Sánchez afirmou que Anova “ten anunciando como organización antes que ninguén o apoio a candidaturas cidadáns de Unidade Popular”, como elemento para definir este proxecto en relación á posición nacional da organización.

O noso compromiso como organización é que a militancia de Anova traballe a nivel individual naquelas localidades e vilas nas que existen candidaturas protagonizadas pola cidadanía activa, con xente doutras organizacións e con xentes de organizacións partidarias. “Nós non participaremos en ningunha iniciativa que non vaia neste sentido”, afirmou Antón Sánchez.

Debemos articular unha maioría en termos sociais e electorais en clave progresista, que impida o regreso ao pasado que algúns pretenden. Entendemos necesaria a reorganización o espazo de ruptura para disputarlle a hexemonía ao Partido Popular, e entendemos que a mellor maneira de facelo é apoiando a Ourense en Común e ao conxunto de candidaturas cidadás que permitan manter aberta a Primavera Municipalista nestas eleccións municipais de 2019 que volverán ser decisivas.