Antón Sánchez anima a apoiar á Marea de Marín para desaloxar ao PP e “dar máis poder aos veciños e veciñas”

Por Anova IN o 10 de Maio de 2019 en Actividades, Actualidade, Comunicados

O cabeza de lisa de Marea de Marín, Aarón Franco, resaltou que “nestes catro anos o noso grupo municipal presentou máis de 80 iniciativas, o doble que a equipa de goberno”

Marín, 10 de maio de 2019. O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, interviu este mediodía nun acto co cabeza de lista da Marea de Marín, Aarón Franco, e membros da candidatura na praza da Alameda de Marín.

Antón Sánchez salientou a aposta de “Anova pola unidade dentro da diversidade porque cremos que é a única maneira de cambiar as cousas. Unir as diferentes sensibilidades”. Animou a potenciar esta vía en lugares como Marín para que “a Marea de Marín desaloxe ao PP e dar máis poder á cidadanía da vila. Consiste en que os veciños e as veciñas participen cada vez máis na xestión diaria do que é seu, das políticas públicas e da institución”.

Destacou que a Marea de Marín integra na mesma candidatura persoas de Anova, de EU, mariñenses. Loubou “o seu traballo constante” e lembrou que “visitei moito a esta vila para trasladar ao parlamento galego temas que a alcaldesa non foi quen de abordar”. Engadiu que “está demostrado que en Galiza a aposta pola xenerosidade e pola unidade foi premiada pola cidadanía galega en distintos procesos eleitorais”.

Marea de Marín, o grupo municipal máis activo

Pola súa parte, Aarón Franco, candidato á alcaldía de Marín, salientou o carácter plural e de unidade de diferentes opcións políticas nun mesmo espazo: a Marea de Marín, e destacou que “Anova é garantía de unidade e do empurre que deron as ciudades e vilas do cambio”. O cabeza de lista de Marea de Marín puxo en valor o traballo feito “polo noso grupo municipal nestes catro anos” e amosou a súa confianza en que “vai ser avaliado positivamente polos veciños e veciñas”. Neste sentido, explicou que Marea de Marín “foi o grupo municipal que máis iniciativas presentou, máis de 80, o que supón máis do doble do feito pola equipa de gobernó que apenas chegou a 40”.

Sinalou que “a veciñanza saberá recoñecer este labor e o traballo feito a carón de asociacións de veciños porque estivemos a pe de rúa”.