Antón Sánchez critica “o desleixo de PP e PSOE cunha infraestrutura fundamental para Vigo: a conexión de Bouzas cos portos galegos, con Europa e con Portugal”

Por Anova IN o 21 de Maio de 2019 en Actualidade, Comunicados

O candidato á alcaldía de Marea de Vigo, Rubén Pérez, denunciou o proxecto da Autoridade Portuaria de Vigo de ampliar o recheo de Bouzas, un plan que terá un enorme impacto ambiental

Vigo, 21 de maio de 2019. O portavoz de Anova, Antón Sánchez, acudiu este mediodía a Vigo para participar co candidato á alcaldía de Marea de Vigo, Rubén Pérez, a candidata número 2, Oriana Méndez, e o número 3, Xaquín Pastoriza, nun percorrido pola zona de Bouzas onde a Autoridade Portuaria proxecta levar a cabo un recheo que causará un tremendo impacto ambiental.

Desleixo de PSOE e PP coa conexión ferroviaria de mercadorías

Nas declaracións aos medios, Antón Sánchez trasladou en nome de “Anova o noso apoio á Marea de Vigo porque é unha alternativa que é capaz de unir a distintas formacións en torno a un proxecto común”. No que atinxe ao ámbito das infraestruturas, Sánchez salientou o traballo conxunto que “levamos feito en cuestión fundamentais para o futuro de Vigo esquecidas polo PSOE e polo PP”. Tildou de “incríbel que nos últimos anos a Xunta e o concello practicasen o desleixo cunha cuestión básica como é a conexión ferroviaria de mercadorías”. “Foi a Marea de Vigo, puntualizou, e outros axentes os que tiveron que loitar por incluir a conexión Vigo-Porto na Rede Básica de Transporte europea”.

Apuntou á “falla de vontade política do Goberno do PSOE en Madrid e a falla de actuación da Xunta Feijoó como responsábeis de non telo conseguido”. Abel Caballero e Feijoó son os únicos membros galegos do Comité Galego das Rexións que nada presentaron para incluir a Vigo na Rede Básica de Transportes Europea”. Asegurou que “continuaremos pelexando por un tema que é fundamental para a economía de Vigo, para paliar un dos problemas máis importantes que ten Vigo que é o desemprego e que vai depender moito da actividade económica que se poida xerar. É unha cidade dinámica e ten moito potencial a pesar de non contar con gobernos á altura desa potencialidade”.

O portavoz de Anova garantiu que “continuaremos a reclamar financiamento suficiente para a conexión de Bouzas co resto de portos galegos, con Europa e co norte de Portugal que é o principal mercado para Galicia. Marea de Vigo será garantía de política de esquerdas e de defensa dos intereses de Vigo.

Ruben Pérez denuncia o novo recheo

Rubén Pérez explicou aos medios que “hoxe queremos visibilizar a nosa oposición a un novo recheo na terminal de Bouzas, un recheo que aínda que compete á Autoridade Portuaria terá que contar co visto bon do concello de Vigo. Denunciou que “os recheos para gañar mais calado sen acometer un estudo integral de que infraestruturas preciasa Vigo, é un erro maiúsculo porque voltaremos ter recheos e non teremos alternativas que permitan a utilización do ferrocarril”. Engadiu que “traballamos moitas veces con Antón Sánchez no Parlamento galego para denunciar o défice en materia de infraestruturas ferroviarias”.