Antón Sánchez critica en Sanxenxo “a deixación da Xunta cos montes veciñais” e acusa ao goberno galego de “estar interesada só en declarar montes en estado de abandono”

Por Anova IN o 22 de Maio de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

O portavoz nacional de Anova-IN acudiu á parroquia de Noalla, en Sanxenxo, coa cabeza de lista da candidatura Anova-Podemos, María José Rosales, a manter unha xunta con comuneiros

Sanxenxo, 21 de maio de 2019. O portavoz nacional de Anova-IN, e a candidata á alcaldía de Sanxenxo, María José Rosales, mantiveron esta tarde unha reunión na Casa Forestal da parroquia de Noalla (Sanxenxo) con representantes de montes veciñais en mán común para escoitar a súa problemática.

Os comuneiros trasladáronlles a situación xerada coa clasificación de Costas do deslinde marítimo do monte, explicándolles o conflicto suscitado e que consideran inxusto por sumirlles en procesos xudiciais cuxa problemática non se axusta á realidade. Afirmaron que “o monte é dos veciños e das veciñas“. Teñen claro que o monte é dos comuneiros e critican a perda de esforzos en procesos de este tipo cando a enerxía debería canalizarse e estar dirixida a poñer en valor o monte.

Antón Sánchez fixo balanzo das iniciativas feitas en relación ao tema da lexislación sobre os montes en man común no Parlamento galego e considerou “indignante que se exixa a un monte veciñal ter unha función”, lamentando que non haxa acordo político en Galiza para recoñecer os montes veciñais dada a posición de PP e de PSOE. Os montes veciñais en man común cumpren unha importante función social, económica e medioambiental cuxa configuración é única no estado e debería preservarse, opina Sánchez.

A Xunta limítase a “acosar” ás comunidades de montes que funcionan

O portavoz nacional de Anova acusou á Xunta de practicar unha “deixación absoluta e de estar unicamente interesada en declarar montes en estado de abandono e darllo á iniciativa privada, ás empresas. A Xunta limítase a acosar ás comunidades de monte que funcionan.Con conflictos en zonas costeiras por intereses”. Ademáis, sinalou que “as comunidades de montes tiñan que ser oportunidades para fixar poboación”

Os comuneiros reivindican outra fiscalidade para os montes en man común. Unha fiscalidade xusta dado o seu carácter colectivo.