Antón Sánchez: “Narón por Diante é a alternativa aos partidos de sempre porque fai propostas para a xente como na vivenda”

Por Anova IN o 23 de Maio de 2019 en Actualidade, Comunicados

O candidato á alcaldía de Narón por Diante, André Abeledo, explicita o compromiso desta candidatura co grave problema de acceso á vivenda en alugueiro a prezos sociais mediante a presentación dunha moción

Na fotografía: Antón Sánchez xunto co candidato á alcaldía André Abeledo e Anxo Pintos, número 3 de Narón por Diante.

Narón, 23 de maio de 2019. O portavoz nacional de Anova-IN, Antón Sánchez, e o candidato á alcaldía de Narón por Diante, André Abeledo, ademáis do número 3, Anxo Pintos, acudiron esta mañá ao rexistro do concello de Narón a presentar unha moción que propón a creación dun Parque público de vivenda en alugueiro.

Deste xeito, materializaron unha proposta que se explicou en rolda de prensa para poñer sobre a mesa iniciativas destinadas a facilitar o acceso á vivenda en alugueiro, unha das grandes preocupacións sociais debido ás dificuldades existentes para poder alugar unha vivenda en condicións asequíbeis.

Antón Sánchez: “vimos de rexistrar no concello de Narón unha moción para a creación dun parque público de vivendas en alugueiro social a prezos asequíbeis”. Remarcou que se trata dunha proposta pensada para esa poboación moza e traballadora de Narón que precisa políticas públicas que garantan o dereito á vivenda”.

Antón Sánchez: “Narón por Diante é a alternativa a PP, PSOE e Terra Galega, que non defenden ás maiorías sociais”

O portavoz nacional de Anova salientou que “Narón por Diante representa esa alternativa aos partidos do réxime, PP e PSOE e Terra Galega. Forzas que coincidiron no fundamental: políticas de privatización, no desleixo en cuestións tan importantes como da que vimos a falar, a vivenda. Tanto en Galiza como nos concellos galegos a verdadeira alternativa virá da mán dos espazos de candidaturas de unidade popular que fan propostas destinadas ás maiorías sociais, desafiando así aos poderes que defenden intereses partidistas, dos poderes”.

Sánchez afirmou que “o PP de Feijoó e de Casado constitúen a estrema dereita. E o PSOE que no básico coincidiu co PP como nas reformas laboráis, nos recortes, na fiscalidade, no pagamento da débeda dos bancos, non pode ser a alternativa neste momento no que en Galiza se está a afundir o PP. A alternativa ten que vir de candidaturas como Narón por Diante, candidaturas que pensan e proponen medidas para a xente do común”.