Antón Sánchez marca o camiño da IV Asemblea de Anova como marco de reflexión futura

Por Anova IN o 1 de Xuño de 2019 en Actualidade, Comunicados

Anova considera que os resultados das eleccións municipais “foron negativos porque se deu un retroceso na aposta que fixo Anova pola unidade popular nos concellos” e confluíron causa externas e propias.

“Hai materia para proxectar no futuro outra vez un proxecto de ruptura que desafíe aos poderes establecidos neste país”, afirmou Antón Sánchez.

Teo, 1 de xuño de 2019.- Esta mañá tivo lugar en Teo unha xunta ordinaria da Coordinadora Nacional de Anova Irmandade Nacionalista para facer unha avaliación dos resultados das pasadas eleccións municipais.

Nunha comparecencia diante dos medios de comunicación, o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, iniciou as súas explicacións afirmando que “as mareas municipalistas tiveron que facer a batalla das eleccións municipais en condición de desvantaxe”.

Antón Sánchez apuntou a causas externas e tamén dinámicas propias como os motivos do descenso experimentado nas urnas. Por unha banda, analizou a situación do espazo de ruptura en Galicia “que tivo un grande desgaste nas mareas municipalistas” con “debates estérís prolongados no tempo que xeraron frustración na sociedade”. Engadiu a estes factor o forte intento “de recomposición do Réxime para volver ao momento anterior do 15-M”. Asemade, “durante estes catro anos os gobernos da decencia foron fortemente asediados a nivel político, mediático, e con unha enorme criminalización por parte dos poderes que se vían ameazados pola acción de goberno das mareas municipalistas, que sempre antepuxo o ben común por riba de intereses economicistas”.

Antón Sánchez subliñou que “desde Anova estamos orgullosos de ter apostado nestas eleccións municipais por estes espazos, polas candidaturas de unidade popular porque cremos que foron os gobernos honestos”. Mais, non esqueceu a necesidade de abrir debates e facer a autocrítica necesaria que debe partir de cada un dos lugares correspondentes”.

O portavoz nacional de Anova marcou o camiño a seguir ao dicir que “agora debemos abrir un período de reflexión, de autocrítica calmada, non estridente xa que hai materia para proxectar no futuro outra vez un proxecto de ruptura que desafíe aos poderes establecidos neste país. Nas vindeiras semanas iniciaremos un proceso de debate no seno das asembleas territoriais de Anova de cara a nosa IV Asemblea Nacional”.