Antón Sánchez afirma que “Ence é un exemplo claro das políticas corruptas do PP”

Por Anova IN o 16 de Xuño de 2019 en Actualidade, Comunicados

O portavoz nacional de Anova participou este mediodía na marcha en Pontevedra por unha ría libre da contaminación de Ence e cuxa permanencia é produto “dos entramados corruptos do PP”

Pontevedra, 16 de xuño de 2019. O portavoz nacional de Anova-IN, Antón Sánchez, participou este mediodía en Pontevedra na marcha cidadá para reivindicar unha Ría de Pontevedra libre da toxicidade de Ence e en pro de poder construir un futuro sostíbel e medioambientalmente sano, ademáis de traballar por outro modelo forestal e económico que non estea ao servizo dos intereses comerciais dunha empresa en particular. Un modelo que respecte o noso medio ambiente, a riqueza produtiva e o ecosistema das nosas rías, os nosos montes e propio de Galiza.

“O PP ao servizo das prioridades de Ence”

Nas súas declaracións, Antón Sánchez sinalou que “estamos aquí para apoiar a marcha para que Ence saia da Ría. Ence é un exemplo claro das políticas corruptas do PP, que non dúbida en utilizar as institucións para favorecer intereses privados da empresa onde funcionan as portas xiratorias e onde destacados dirixentes do PP ocupan postos no seu Consello de Administración”.

O portavoz nacional de Anova manifestou asemade que “estamos ante un exemplo de desenvolvemento colonial en Galiza, onde se crea pouco emprego de valor e en cambio provoca un enorme impacto ambiental, que non só condiciona a vida da ría senón tamén a política forestal do país. Hai que sacar a Ence da ría para poder ter outro futuro”. Criticou a “actuación fraudulenta do PP e de Rajoy renovando a prórroga por 70 anos” e censurou un xeito de facer política centrado nas prioridades de determinadas empresas en lugar de servir aos intereses dos galegos e das galegas.