Pola República Galega: Antón Sánchez e Oriana Méndez presentaron os actos de Anova para este 25 de xullo

Por Anova IN o 18 de Xullo de 2019 en Actividades, Actualidade, Destaques

Pola República Galega é o lema elixido este ano por Anova, que celebrará o seu acto central no compostelán Parque de Galeras no que intervirá o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez.

A novidade deste ano é que o martes 23 en Vigo terá lugar a palestra “Esquerda e República” na que intervirán a deputada do Bloco de Esquerda Joana Mortágua, o portavoz do Grupo Municipal de Compostela Aberta Martiño Noriega, a concelleira da Marea de Vigo e membro da nosa Permanente Oriana Méndez e Antón Sánchez. Será a partir das 20.30 horas na Praza do Pobo Galego.

Santiago de Compostela, 18 de xullo 2019.- Oriana Méndez lembrou que a Praza do Pobo Galego é un lugar importante porque “tiveron lugar as asembleas que deron lugar á creación da Marea de Vigo”, o proxecto municipalista da cidade no que ela é concelleira. Lembrou tamén o seu significado histórico “porque é a Praza na que se encontraba a sede de El Pueblo Gallego, o xornal máis destacado na defensa do plebiscito autonómico republicano de 1936 e no cal colaboraron as mellores mentes da esquerda nacionalista republicana galega”.

Oriana Méndez xustificou a presenza da deputada do Bloco de Esquerda portugués Joana Mortágua para “mostrar o vínculo histórico entre Galicia e Portugal e facendo unha chamada conxunta para manter a vixencia e a urxencia do internacionalismo.” Entende que este diálogo ten lugar nun momento no que “unha nova Internacional Reaccionaria, con tentáculos no Estado español, pretende unha involución en termos sociais e democráticos e un avance ao mesmo tempo na folla de ruta do neoliberalismo”

Pola súa parte Antón Sánchez afirmou que para nós o 25 de xullo é unha data “reivindicativa e lúdica” na que “galegos e galegas debemos cimentar un proxecto colectivo, un proxecto nacional” que debe estar articulado “nos valores e principios da esquerda”. “A cuestión nacional non deixa de ser outra cara da moeda da cuestión social, a cuestión da vida das persoas” Nesta data “reivindicamos a necesidade de que nós mesmas nos gobernemos para mellorar as condicións de vida das persoas deste país”

Nesa liña Antón Sánchez afirmou que dende Anova “entendemos a cuestión nacional non tanto como unha cuestión identitaria se non como unha cuestión material, coa necesidade xa digo de decidilo todo. Por iso lanzamos este ano o lema de pola República Galega”. Sería un novo chamado “á á ruptura democrática co Réxime, polo menos como horizonte”. Nese sentido Antón Sánchez afirmou que “a maioría social agredida precisa ese proxecto colectivo de xustiza social” e que “reivindicamos unha vez máis que somos maiores de idade e polo tanto somos nós os que temos que tomar as nosas propias decisións, dende a solidariedade e a fraternidade con outros pobos.”

Nese sentido, e afirmando que as decisións colectivas serán tomadas na nosa IV Asemblea Nacional prevista para despois do verán, Antón Sánchez afirmou que “queremos contribuír da mellor maneira posible a rematar dunha vez por todas co nefasto ciclo do señor Feijóo na Xunta de Galicia” xa que está entregando “o autogoberno a intereses empresariais” e que é un Goberno “incapaz de dar solucións” diante dos problemas que nestes momentos temos en Galicia. “Están vendendo o país a pedazos”, sentenciou.

Antón Sánchez rematou afirmando que en Galicia “hai unha maioría social que ten manifestado que está a favor do cambio” e que “Anova porá por diante de todo o interese cidadá para rematar co goberno do espolio” e acompañando “ás loitas que está habendo en todo o país” porque “hai unha sociedade civil que defende a este país das agresións”. Segundo Antón Sánchez, o obxectivo de Anova sería “rematar coa longa noite neoliberal de Núñez Feijóo e abrir un horizonte de esperanza en Galicia”