Antón Sánchez: “Hoxe hai 10.000 galegos e galegas demandantes de vivenda de alugueiro social aos que non se lles da ningunha solución”

Por Anova IN o 26 de Agosto de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

No ano 2018 só se concederon dúas axudas dende o Programa de Vivendas Baleiras, por un montante de 6986 euros, un 5,37% do orzamentado. Antón Sánchez denunciou o “fracaso absoluto” das políticas de vivenda da Xunta de Galicia, xa que fortalecen aos especuladores e desprotexen á cidadanía.

A nosa alternativa sería “apostar por un parque público de vivendas de alugueiro social para darlle solucións as persoas e como mecanismo regulador dos prezos de mercado”.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2019.- Hoxe Antón Sánchez compareceu diante dos medios no Concello de Cambre, diante do edificio A Patiña, “onde antes había xente que vivía cuns prezos de alugueiro social, con límites a eses prezos de alugueiro, construídas e subvencionadas en parte con diñeiro público, mentres que agora permítese que os fondos voitre compren estas vivendas que foron feitas con diñeiro público para facer negocio”, afirmou.

Os datos publicados recentemente polo IGVS das axudas concedidas durante o ano 2018 son demoledores para o que o PP vendeu como programa estrela para a mobilización de vivenda baleira.

O Programa de Vivendas Baleiras o ano pasado só se concedeu dúas axudas por un montante ridículo de 6986 euros, o que significa un 5,37% do orzamentado, dunha partida que xa se reducira á metade con respecto ao ano 2017. Nese 2017 concedéranse 4 axudas soamente, cunha porcentaxe de execución dun 3,32%.

En resumo, despois de 3 anos dende a creación do Programa de Vivendas Baleiras téñense incorporado ao redor de 20 inmobles e non se adxudicaron nin a metade, e iso cando existe un rexistro de case 10.000 persoas en Galiza de vivenda de alugueiro social.

Un “fracaso absoluto” tan grande esixe a asunción de responsabilidades políticas e un xiro total nas políticas de vivenda en Galiza, para frear a auténtica sangría que se está a producir e que pode agravarse.

“Estase a dar unha suba espectacular do prezo do aluguer en Galicia, especialmente nas zonas urbanas”, cando non acontece o mesmo cos ingresos ou a estabilidade laboral da xente, o que se traduce en novos desafiuzamentos ou na imposibilidade estrutural de emancipación da nosa mocidade.

Reclamamos que inmediatamente se aprobe un plan eficaz para a creación dun “parque público de vivenda de alugueiro social” que de resposta aos problemas graves que sufrimos como sociedade, coa incorporación de vivenda baleira, nun país con 300.000 vivendas nese estado, ou coa construción de novas vivendas cando sexa necesario.

Débense de tomar medidas efectivas para a que as vivendas en mans dos grandes especuladores non fiquen baleiras e cumpran coa súa función social, poñéndose a disposición de quen máis as precisa.

Denunciamos de novo unha operación de propaganda da Xunta de Galicia que tan só busca encher titulares ao tempo que non soluciona este problema. Seguiremos a propoñer medidas alternativas no Parlamento Galego e acompañar á sociedade que denuncia esta situación para buscar solucións que beneficien á maioría social.