Presentamos alegacións ao Plan Especial “Senda Fluvial Río Maior” do Concello de Bergondo e denunciamos a deficiente planificación e xestión do saneamento do bipartito

Por Anova IN o 4 de Setembro de 2019 en Actualidade, Comunicados

Anova Bergondo entende que o cauce do Río Maior é un espazo de alto valor medio ambiental e que o plan especial pode supoñer un perigo de contaminación por vertidos ao río.

Bergondo, 4 de setembro de 2019.- Anova Bergondo presentou alegacións ao Plan Especial senda fluvial do Río Maior.Dende Anova entendemos que hai tres aspectos que son especialmente preocupantes e deben terse en conta antes de executar o proxecto.

O primeiro é a denominación do propio proxecto,a senda fluvial non é máis que un pretexto para colocar os tubos e colectores,un xeito de tapar a obra cun camiño,feito claramente demostrable tendo en conta que a senda remata no límite co Concello de Sada,cando o máis acaido tería sido unha actuación conxunta que levase a senda ate o centro urbano do Concello veciño.O proxecto fala da colocación de tres colectores principais e sete xa existentes,as augas residuais irían a dar a unha estación de bombeo que terá que impulsar as augas sucias de máis de trescentas vivendas,non parece que esta estación teña capacidade para iso co risco de verquidos que iso supón.O proxecto tampouco especifica ate que punto a EDAR de Gandarío podería asimilar as augas residuais bombeadas dende esta zona.

Unha estación de bombeo para as augas fecais máis de 350 vivendas ao carón do Río Maior significa un risco elevado de contaminación por desbordamentos en determinados momentos, e todo elo é consecuencia dun deseño municipal do saneamento irracional e insostible como xa temos denunciado anos atrás ante a construción da EDAR de Gandarío.

O segundo aspecto, polo tanto, é a contaminación do Río Maior,un feito denunciado polos veciños de Lubre durante anos e que é debido principalmente aos verquidos da depuradora do Polígono de Bergondo.Colocar agora tres colectores principais a carón do cauce nos parece un risco moi serio,é por iso que solicitamos un estudo do estado do río e que se busque un trazado alternativo para unha obra moi necesaria para os veciños.

Finalmente queremos destacar que a memoria do proxecto recolle que hai dezaseis elementos de interese cultural no recorrido da senda que se atopan en un pésimo estado de conservación.Non está previsto investimento de ningún tipo nestes elementos (muíños de auga, lavadoiros…) pero pola contra hai unha partida de 80.387,60 euros para mobiliario urbano e arbolado.Entendemos que esta actuación require de especial coidado e de ser respectuosa co medio,por iso solicitamos se teña en conta a recuperación dos elementos de interese cultural e se minimice o uso de papeleiras e elementos que están fóra de lugar a carón dun río.