Anova asistirá á celebración da Diada

Por Anova IN o 10 de Setembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

A delegación de Anova ten previsto manter conversas con organizacións do espectro do republicanismo e do independentismo catalán de esquerdas, de cara a facer unha diagnose do momento político nas nosas respectivas nacións e analizar o momento que vive o Estado español.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019.- Nun ano marcado pola inminencia da sentenza contra referentes sociais e dirixentes políticos acusados de organizar o referendo do 1-O, unha delegación de Anova asistirá un ano máis á celebración da Diada de Cataluña.

Con esta presenza queremos facer pública a nosa solidariedade cos presos e presas políticas e exiliados e exiliadas, así como con toda a cidadanía que sofreu as cargas policiais e a e represión para garantir a celebración do referendo do 1-O.

Dende a aplicación do 155 asistimos a un proceso de radicalización das posicións unionistas e do auxe da ultradereita, socia de goberno do Partido Popular en gobernos autonómicos e municipais. Semella que a súa axenda pasa por reforzar as posicións centralistas, reducir unha autonomía xa de por si limitada e aplicar mordazas e represión a todos os movementos socio-políticos que se enfrontan a esa ameaza.

Nese sentido en Cataluña non só se evidenciou a carencia de democracia á hora de aplicar o dereito de autodeterminación, se non que se fixo evidente que diante dunha aposta destituínte e democrática o Réxime do 78 non dubida en reforzar a súa faciana represiva para frear o empoderamento popular.

As consecuencias desa cerrazón e a aplicación deses dispositivos, que van dende o 155 a limitar dereitos e liberdades recollidas mesmo na propia Constitución, terán efectos tamén en Galicia á hora de frear as iniciativas populares que enfronten as consecuencias do neoliberalismo.