Anova lamenta o incumprimento da vontade popular que leva á repetición electoral e agasalla unha nova oportunidade ao bloque de Colón

Por Anova IN o 18 de Setembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

De nada servirán propostas de solución partidarias se non hai altura política para xerar unha verdadeira alternativa unitaria na esquerda, que garanta un goberno de progreso.

A decepción na cidadanía é enorme, a decisión do PSOE deixa unha situación política perigosa na que o cansanzo e fastío cidadán pode orixinar un escenario que potencialmente pode darlle unha nova oportunidade ás dereitas derrotadas en abril.

Anova cre que debe existir no contexto do Estado un diálogo político de toda a esquerda, xunto con axentes cidadáns e sociais, para buscar unha alternativa real, unitaria e sen exclusións que supere os límites partidarios para conseguir un goberno progresista.

 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2019.- A convocatoria de eleccións xerais o vindeiro 10 de novembro evidencia que o PSOE bloqueou un acordo de esquerdas, buscando o respaldo de Ciudadanos e mesmo do PP antes de aceptar un acordo de goberno con todas as forzas políticas que permitiron a moción de censura pola que Pedro Sánchez chegou a Moncloa.

Unha parte grande da cidadanía galega valora con preocupación a situación e rexeita todo o proceso que se deu desde as eleccións do 28A, quedou patente como o PSOE impediu a conformación dun goberno progresista que parase o avance do trifachito. A intención semella clara, recompoñer o réxime do 78 e o bipartidismo que o sustentou.

Moitos sectores políticos puidemos ter erros pero afirmamos que segue sendo necesaria unha alternativa de esquerda, unitaria, ampla e xenerosa para xerar a frear o desencanto cidadá.

Unha alternativa que sobarde as estruturas partidarias e que vaia máis alá de siglas. A esquerda real debe ser quen de ofrecer unha alternativa real á cidadanía desencantada coa operación do PSOE de refundar o réxime do 78 para que nada cambie.

Hoxe máis ca nunca urxe a necesidade de cambio na estrutura dun Estado que pretende unha nova volta de torca contra as clases traballadoras de todo o territorio estatal, das nacións e pobos do Estado. O 135 e o 155 volven ser unha ameaza da man do PSOE, PP e extrema dereita contra toda a cidadanía e os seus dereitos.

De nada servirán propostas de solución partidarias se non hai altura política para xerar unha verdadeira alternativa unitaria na esquerda.

Anova cre que debe existir no contexto do Estado un diálogo político de toda a esquerda, xunto con axentes cidadáns e sociais, para buscar unha alternativa real, unitaria e sen exclusións que supere os límites partidarios.

Nun momento de reforzamento da dereita coa ultradereita, na que estudan formular candidaturas unitarias do bloque de Colón baixo a marca de “España Suma”, a posición do PSOE evidencia a súa conexión cos poderes económicos e o cero interese en artellar unha maioría parlamentaria coas forzas que permitiron a súa entrada despois da moción de censura contra Mariano Rajoy.

O PSOE incumpriu o mandato electoral do 28-A e leva a cabo unha política de terra queimada contra todas as forzas políticas que están á súa esquerda, evidenciando non só unha política dereitista no que ten que ver coas políticas económicas e sociais, senón que tamén se pon enriba da mesa unha posición centralista homoxeneizadora que se nega a aceptar a existencia de diferentes nacións no Estado español.

Diante deste horizonte, pensamos que as forzas de esquerda de todo o Estado deberan intentar unha fronte común que pare esta estratexia de reforzar o réxime con recortes democráticos e posicións que camiñan cara o totalitarismo.

Non é hora de priorizar intereses partidarios senón de xenerosidade, é hora de Frente Popular.

En Galicia sabémolo ben, a nosa historia ensinounos que a esquerda soberanista, o independentismo e o galeguismo estivo coa Frente Popular cando máis necesario era.

Desde o ano 2012 temos demostrado tamén que fomos pioneiros en construír alternativas reais desde a esquerda, unha Fronte Ampla que xerou unha alternativa real nas esquerdas, proxectos de Unidade Popular que desde o respecto plasmouse en cotas altas de respaldo cidadá sendo quen de sermos alternativa real de poder popular.

Debemos dar continuidade aos camiños diversos e plurais da Unidade Popular e volver á aposta pola ruptura democrática, a defensa dos dereitos sociais e das liberdades cidadás e nacionais de Galicia.

As clases traballadoras e a cidadanía xóganse moito, desexamos e agardamos que nesta ocasión non se desperdicie unha nova oportunidade de frear este novo embate autoritario do réxime.