Anova non concorrerá no 10-N por non ser posible unha Fronte Ampla que dea continuidade ao proceso de acumulación de forzas iniciado en 2012

Por Anova IN o 30 de Setembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Verificamos que os intereses dos partidos estiveron por riba dos intereses da xente do común.

Anova non contribuirá nas eleccións estatais ao proceso de atomización da esquerda, xa que non foi posible garantir unha única papeleta do espazo de ruptura en Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2019.- O pasado sábado 28 de setembro a militancia de Anova que participou na nosa Conferencia Política reafirmou o compromiso da organización a prol dunha “proposta unitaria de Ruptura co Réxime que sexa capaz de recoller todo o potencial transformador, unha aposta que sexa reflexo dun suxeito político galego como espazo de toma de decisións”.

Tratábase, por tanto, de sumar partidos políticos, mareas municipalistas e axentes sociais nun actor posto a disposición do cambio político que conformase un suxeito político propio nas Cortes do Estado, cun programa social avanzado na defensa das maiorías sociais agredidas que respectase o dereito de autodeterminación. Apostabamos por dar continuidade ao espazo que abrimos en Galicia coa emerxencia de AGE, coa participación dos continxentes cidadáns organizados nas mareas municipalistas, co Pacto de Mazarelos e coa Asemblea de Vigo na que nacería a primeira En Marea.

Fixemos chegar esta proposta aos diferentes axentes interpelados e infelizmente verificamos que non houbo resposta positiva para armar unha nova Fronte Ampla. Entendemos que a competición entre diferentes opcións do espazo de ruptura divide a necesaria unidade e non se corresponde coa nosa aposta pola acumulación de forzas, motivo polo que decidimos non concorrer ás vindeiras eleccións xerais.

Seguiremos a traballar dende a cooperación nos espazos políticos e institucionais compartidos, coidando dende alí o funcionamento do proxecto común. No inmediato, traballaremos xa para conseguir que nas vindeiras eleccións autonómicas poidamos conseguir esa unidade de acción que impida revalidar ao PP o goberno do País. A situación de emerxencia social que viven as nosas clases populares merecen recuperar verdadeiras fórmulas comúns que poidan disputar todas as hexemonías.