Antón Sánchez e Martiño Noriega participarán este sábado 26 de outubro en Barcelona na manifestación que a ANC e Omnium Cultural convocan en resposta á sentenza política do Tribunal Supremo, contra a represión e a prol dos dereitos políticos e as liberdades civís.
Aproveitarán a súa estancia para manter reunións políticas cos diferentes sectores da esquerda e do republicanismo e independentismo catalán.
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- O vindeiro sábado 26 de outubro os diferentes axentes do republicanismo e independentismo catalán organizan unha grande manifestación en Barcelona para denunciar a sentenza política do Tribunal Supremo. Estamos diante dun episodio máis da represión que se vive nestes momentos en Cataluña, onde usan a coartada dun problema de orde pública para ocultar o conflito político, que só se poderá solucionar dende o diálogo democrático e o respecto da vontade do pobo catalán.
Antón Sánchez e Martiño Noriega aproveitarán a súa estancia en Barcelona para compartir análises e valoracións políticas con outras entidades da esquerda e do republicanismo e independentismo catalán. Trátase establecer unha diagnose da situación e ver en que medida se pode reverter este ataque constante aos dereitos políticos e ás liberdades civís no conxunto do Estado español.
A cooperación das diferentes esquerdas tanto federais como soberanistas é un obxectivo a acadar neste momento no que se endurece e se practica unha saída autoritaria á crise do Réxime do 78. Esa colaboración ten que atravesar as dinámicas de mobilización e de empoderamento popular, para facer fronte ao auxe do autoritarismo e ao rearme da ultradereita.
Coa nosa presenza en Barcelona queremos reafirmar o noso compromiso coa Cataluña republicana, co necesario diálogo democrático para a resolución deste conflito e coa defensa do dereito de autodeterminación. Mantemos de forma firme a nosa posición a prol da liberdade dos presos e presas políticas e a volta a casa daqueles dirixentes que tiveron que exiliarse por esta causa.