Condenamos o golpe de Estado en Bolivia

Por Anova IN o 13 de Novembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Anova condena o golpe de Estado contra o goberno lexítimo de Evo Morales, condena a violencia provocada pola oligarquía local e o imperialismo e solidarízase co pobo boliviano na defensa da democracia e da xustiza social para as maiorías.

Esta é unha agresión criminal máis contra os pobos, as democracias e os dereitos humanos nesta conxuntura histórica de avance da ultradereita, tamén no Estado español.

 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019.- Dende Anova queremos condenar a violencia que nestes momentos sectores extremistas da oligarquía apoiados polo imperialismo están a incitar nas rúas de Bolivia, co obxectivo de non recoñecer uns resultados electorais que revalidaban ao MAS e daban continuidade ao goberno de Evo Morales. Máis de 90 Estados de todo o mundo xa os recoñeceran.

 

Desde a chegada de Donald Trump ao poder en Washington a intervención do Imperio en América Latina estáse intensificando ata límites insospeitados, desestabilizando xa a todos os países con gobernos progresistas e provocando momentos de máxima tensión que ameazan a paz no continente. Continúa a senda experimentada contra Dilma Rousseff no Brasil, Fernando Lugo en Paraguai ou Zelaya en Honduras, ademais do ataque permanente contra Venezuela ou o bloqueo histórico a Cuba.

 

Estes 13 últimos anos de goberno do líder indíxena Evo Morales supuxeron avances sociais e económicos incuestionables recoñecidos a nivel mundial. Practicamente todos os indicadores melloraron substancialmente, e o goberno de Morales e Garcia Linera foi recoñecido polas institucións e organismos internacionais e mesmo boa parte da prensa occidental coma unha historia de éxito.

 

O Estado Plurinacional de Bolivia logrou sacar da pobreza e da extrema pobreza a millóns de bolivianos e bolivianas, dignificando e outorgando dereitos a indíxenas e mulleres, ás clases populares máis desfavorecidas, historicamente sometidas á falta de liberdades básicas e ao racismo institucional e a desigualdade. A nivel educativo, de infraestruturas ou de saúde pública Bolivia situouse coma unha referencia de progreso na Patria Grande, partindo dunha situación de atraso e subdesenvolvemento anterior innegable e cun pasado de ditadura e opresión.

 

A redución da débeda externa e o camiño da recuperación da soberanía e a non-dependencia, a través do control dos seus recursos estratéxicos, configuraron avances que as corruptas oligarquías locais e os centros de poder do capitalismo internacional non perdoaron nunca ao MAS e ao seu líder Evo Morales.