«Avanzando cara ao republicanismo galego», lema da IV Asemblea Nacional de Anova

Por Anova IN o 21 de Novembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Os debates estarán centrados na reformulación do proxecto baixo principios republicanos reconstruíndo o espazo con aqueles que aposten pola ruptura e a unidade popular.

A organización que lidera Antón Sánchez celebrará a súa IV Asemblea Nacional o 14 de decembro na comarca de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2019.- A IV Asemblea Nacional de Anova xa ten data: será o sábado 14 de decembro na comarca de Santiago de Compostela. Onte as mulleres e homes da organización recibiron a convocatoria e a documentación que irá a debate, e que previamente será sometida á consideración da militancia en diferentes asembleas territoriais que terán lugar por toda Galicia.

A tese política proposta fai referencia á necesidade da recomposición do espazo de ruptura en Galicia, entendendo que nestes momentos existen moitas mulleres e homes orfos despois de teren participado ou apoiado este proceso. A función de Anova neste período debera ser reorganizar o espazo xunto con axentes que aposten por este mesmo obxectivo para recuperar a iniciativa e a ilusión na sociedade galega.

No electoral apélase ao entendemento amplo á esquerda do PSOE para artellar alternativas que freen o avance da ultradereita nas súas diferentes formas. Nos relatorios tamén se recollen referencias ao que denominamos saída autoritaria da crise do Réxime do 78, e que nestes momentos atopa no Bloque de Colón a súa versión máis radicalizada, na que a ultradereita cogoberna co Partido Popular nalgunhas comunidades e concellos do Estado español. O desafío democrático aberto polo movemento independentista e republicano catalán ten como respostas a xudicialización e a represión, deixando fóra calquera saída democrática que pase pola aplicación do dereito de autodeterminación e o respecto á vontade popular que nós defendemos.

Nesta IV Asemblea Nacional serán renovados tamén os organismos de dirección, que serán os encargados de levar á práctica a liña política aprobada e asumir as tarefas da organización en principio por un período de dous anos. Serán renovados polo tanto a Coordinadora Nacional, que nomeará posteriormente unha nova Comisión Permanente, e tamén a Comisión de Garantías.