Este 6-D non temos nada que celebrar

Por Anova IN o 6 de Decembro de 2019 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Anova, desde a súa fundación no 2012, leva facendo unha diagnose clara sobre os síntomas de esgotamento do Réxime saído da chamada “transición española”. O documento lexislativo sobre o que se alicerza este réxime é produto da etapa reformista que se abriu logo da morte do ditador Franco e a chamada “apertura democrática”. Ese texto xurídico, concibido e redactado por uns poucos homes daquel contexto histórico continuísta co aparello represor do franquismo, aspiraba a favorecer unha democratización das institucións e da economía, garantindo liberdades e dereitos, ademais de deseñar unha estrutura xudicial e administrativa que achegara ao Estado español aos estándares democráticos do espazo europeo. 

Abordaba o problema do encaixe das nacións e a descentralización política e administrativa a través dunha solución intermedia entre o histórico centralismo e as pulsións centrífugas da tradición federal, chegando á síntese do “Estado de las Autonomías” deseñado nun actual e fácticamente moribundo Título VIII. Definía o papel dunha Coroa imposta polo réxime anterior, e as relacións de privilexio coa Igrexa Católica, ademais de reservarlle ao Exército un papel predominante nas decisións últimas que afectan á soberanía. 

A Constitución de 1978 contempla procedementos de reforma moi ríxidos, que a fan un documento moi difícil de adaptar aos tempos cambiantes desde a perspectiva técnico-xurídica e política. As excepcións a esta regra foron reformas-express impostas polo bipartidismo que se levaron a cabo urxentemente e sen debate público previo, co fin de atender intereses das clases dominantes ou de poderes alleos. A Constitución foi empregada nos últimos tempos coma unha arma arreboladiza e de parte, converténdoa nun texto sacralizado e dividindo á cidadanía entre “constitucionalistas” (a dereita e o PSOE cando convén) e “non constitucionalistas” (todos os demais). As dereitas patrimonializan un texto que, ontoloxicamente, debe representar ao conxunto e a grandes maiorías.

Desde a crise-estafa do 2008 e a apertura da crise cultural e de réxime que se manifestou a partir do 2011 foi máis patente a sintomatoloxía do esgotamento e os límites da “narrativa (forzosamente) consensual” provinte da “Transición”. A entrada na institucionalidade-UE e as obrigas contraidas con ese espazo decisorio cada vez máis estreito no democrático e lonxano do común cidadán, e que apostou na última década polo disciplinante neoliberal, provocou que boa parte do articulado referente aos apartados económicos e sociais ficasen en papel mollado. Todo aquelo referido á vivenda, á subordinación da economía ao interese xeral e a democratización contrasta coa dura e desigual realidade no día a día dunha ampla maioría de cidadáns.

No que se refire á independencia xudicial efectiva puidemos comprobar como non se efectivizou ao longo de todos estes anos, chegando ao seu clímax en casos coma o que afecta hoxe aos presos políticos cataláns ou todo o referente á macro-corrupción. Con advertencias de institucións e organismos internacionais que presionan ao Estado español a resolver esta grave cuestión.

O papel de árbitro e moderador desa institución arcaica e antidemocrática como é a Monarquía, quedou tamén en evidencia nos últimos tempos, comprobando como o monarca intervén descaradamente nos asuntos públicos e toma partido.

No referente ao encaixe xurídico-político das nacións e a súa relación co poder central, só hai que atender á realidade dos últimos anos para darnos conta do grave retroceso e da incapacidade do Estado para dar solucións democráticas ao conflito político por vías dialogadas e racionais.

Por todo isto e máis, é evidente que a CE1978 e o seu Réxime entrou nunha fase de crise terminal que poderá dilatarse máis ou menos no tempo pero que fai urxente abordar política e socialmente. Dicía o compañeiro Xosé Manuel Beiras nunha Declaración da Portavocía Nacional, altura de agosto de 2015 que: O noso reto consiste, portanto, en darmos remate ao apodrecido réxime actual, mediante o protagonismo da cidadanía activa nun proceso sociopolítico de creba ou ruptura democrática que abra paso a un proceso constituínte ex novo en dous níveis combinados, tanto o de cada un dos povos que compoñen a realidade plurinacional do ámbito do Estado, para exerceren o seu dereito de autodeterminación mediante a libre decisión, canto o do conxunto do Estado e das súas institucións xurídico-políticas”. Seguimos e seguiremos pulando por abrir esas fechaduras e eses horizontes democráticos a favor das clases populares.