Anova vaise mover por toda Galicia para derrotar a Núñez Feijóo

Por Anova IN o 1 de Febreiro de 2020 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Anova vaise mover por toda Galicia para derrotar a Núñez Feijóo

“É unha cuestión de supervivencia para o país rematar con dez anos de políticas do Partido Popular”, afirmou hoxe o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez.

Compareceu ante os medios xunto con Martiño Noriega e Gladys Afonso.

Teo, 1 de febreiro de 2019.- Hoxe en Teo tivo lugar unha nova reunión ordinaria da Coordinadora Nacional de Anova, na que se analizaron diferentes escenarios políticos e se trataron tamén cuestións de desenvolvemento territorial e organizativo.

Gladys Afonso afirmou que iniciabamos “o camiño de reconstrución do suxeito político galego” e nese sentido debateuse un plan de traballo para comezar a ter encontros por toda Galicia para construír unha alternativa que derrote ao Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas.

Martiño Noriega: “A vontade do espazo político de Anova é a de estar no proceso electoral”

Martiño Noriega, responsable de relacións políticas, afirmou que hoxe “dimos conta dunha serie de contactos informais” con “todo o espectro que podemos entender á esquerda do PSOE” e que “podería estar en disposición de liderar un proceso de cambio no país”.

Martiño Noriega anunciou que “no vieiro que queremos encetar a partir de hoxe” queremos iniciar contactos “con todas as organizacións políticas con transcendencia no espazo galego”, tamén “co espazo cidadán que pode representar o municipalismo” que “seguen a ter un apoio importante e son un motor fundamental na construción dunha alternativa a Feijóo de cara a mobilizar os espazos que non sempre están tan adheridos á dinámicas partidarias”.

Dentro dese proceso de conversas e de suma Martiño Noriega fixo referencia ás “plataformas cidadáns que están a resistir as políticas de Núñez Feijóo”, en referencia a todos os conflito sociais e ambientais que están a ter lugar neste intre en Galicia.

Antón Sánchez: “O PP xa non é quen de ofrecer nada a este país: está a ser derrotado pola xente, polos movementos sociais”

Na súa intervención o noso Portavoz Nacional afirmou que existe unha sociedade artellada que estase a organizar “contra as políticas de destrución do Partido Popular” que se manifestan tanto a nivel ambiental como no desmantelamento dos servizos sociais.

Nese sentido Antón Sánchez fixo un chamado a participar na manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela fronte a un Núñez Feijóo “que ten que recorrer á censura e á manipulación informativa para taparlle a boca aos traballadores e traballadoras que están reclamando unha sanidade digna” mentres que Núñez Feijóo “pretende amordazalos” para defender a sanidade privada.

Antón Sánchez reiterou a idea de que “estamos aquí para derrotar as políticas que leva feito o Partido Popular en Galicia e temos que apostar por fórmulas que poidan liderar un cambio real” e que nese sentido Anova “non se conforma con menos porque a xente ten demostrado en todas as loitas, sexa en Verín, sexa en Touro, sexa na sanidade pública, que son capaces de traballar con unidade entorno a obxectivos comúns.”