Anova contribuirá a abrir unha nova etapa en Galicia

Por Anova IN o 10 de Febreiro de 2020 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Anova será leal ao legado destes anos, onde traballou dende a xenerosidade, para construír unha alternativa de ruptura coas políticas lesivas do Partido Popular.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2019.- Dentro de 55 días os galegos e galegas remataremos nas urnas coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo. Debemos poñer políticas que garantan unha Galicia social, que remate cos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais.

Dende Anova consideramos que é fundamental rematar con dez anos de goberno que non fixeron outra cousa que deteriorar o benestar de galegos e galegas. O goberno de Núñez Feijóo non deixa de ser unha coalición do Partido Popular con determinados intereses empresariais, cuxo programa confronta cos intereses da xente do común e coa defensa da soberanía de Galicia.

Dende Anova traballaremos con xenerosidade e altura de miras para sumar como levamos facendo dende 2012 e poder rematar canto antes coas políticas anti-sociais do Partido Popular. Estaremos presentes o 5 de abril co obxectivo de abrir a nova etapa que Galicia merece.

Precisamos acadar unha nova maioría parlamentaria que a partir de abril poña os intereses da xente do común por riba dos das grandes corporacións. Dende unha aposta ambiciosa que reverta os recortes na sanidade e no noso sistema de benestar, cunha aposta decidida pola nosa lingua e a nosa cultura, que reforce o autogoberno e camiñe a prol da soberanía de Galicia.