Antón Sánchez: “Temos que presentar unha alternativa que dea continuidade ao traballo iniciado en AGE”

Por Anova IN o 15 de Febreiro de 2020 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Anova reuniu hoxe á súa Coordinadora Nacional en Teo para valorar os diferentes escenarios abertos para as eleccións deste 5 de abril.

Antón Sánchez afirmou que “non queremos que as mareas sexan convidados de pedra, queremos que sexan actores principais”

Teo, 15 de febreiro de 2020.- Hoxe Anova reuniu á súa Coordinadora Nacional nunha xuntanza que tiña como obxectivo analizar a situación de cara ás eleccións do 5 de abril. En declaracións aos medios de comunicación, o noso Portavoz Nacional Antón Sánchez afirmou que “apostamos por unha Fronte Ampla e por unha candidatura disposta a disputar hexemonías a PP e PSOE”. Nese sentido fixo un chamamento a “insistir en fórmulas que deron resultados nos últimos anos, fórmulas que foron apoiadas pola cidadanía.”

Nese sentido Antón Sánchez informou sobre os contactos realizados, “o traballo do diálogo coas organizacións coas que durante anos mantivemos alianzas en varios comicios”, que non se circunscribiu só ás organizacións políticas, se non que tamén tivo presente ao municipalismo galego e aos colectivos cidadáns organizados fóra de estruturas partidarias.

Sumar actores para ter a potencia transformadora suficiente

Antón Sánchez afirmou que as mareas “teñen que ser un actor”, dende o respecto absoluto “aos seus debates e tomar as súas decisións”. Pola súa pluralidade e a suma de actores diversos, tanto dos movementos como dos partidos, “nas mareas é onde se deu con máis éxito a Unidade Popular” polo que “son referentes para nós”.

Antón Sánchez afirmou que era necesario “tratar de sumar dialogando con Podemos e con Esquerda Unida”, aínda que neste intre detectamos que Unidos Podemos aposta nesta altura por “presentar o seu proxecto político, algo lexítimo nunha organización política cos que temos compartido moito”

Anova agarda que Podemos e Esquerda Unida non abandonen o proceso de Unidade Popular encetado dende 2012

Non pechou a posibilidade de abrir a opción, xa que “queremos que estean neste camiño” Nese sentido Antón Sánchez afirmou que “estamos traballando par de mareas, colectivos e organizacións que traballaron na Unidade Popular teñan unha expresión electoral o vindeiro 5 de abril. Faremos todos os esforzos posibles porque se sumen a esa alternativa outras forzas políticas, Podemos e Esquerda Unida, porque cremos que sería positivo.”

Cando os medios volveron insistir sobre esta cuestión, Antón Sánchez insistiu en que nestes momentos “a proposta que se pon enriba da mesa por parte de Unidos Podemos é que nos sumemos a Unidos Podemos”. Nese sentido afirmou que nós apostamos por “darlle continuidade ao camiño de Unidade Popular que se baseou nun encontro entre iguais, no respecto da diversidade e na suma, esa é a diferencia política”. Nese sentido afirmou que “agardemos que os compañeiros desas organizacións – en referencia a Podemos e Esquerda Unida – reconduzan esa situación cara a Unidade Popular”.