Martiño Noriega urxe a Feijóo “a deixar de ser unha delegación de Génova 13 e exercer as súas competencias para intervir as residencias privadas”

Por Anova IN o 24 de Marzo de 2020 en Actualidade, Destaques

O candidato lamenta que “a crise do coronavirus está evidenciando as consecuencias da pouca querencia que o PP tén polo público”

Martiño Noriega insistiu en que “as consecuencias da privatización vense tamén nas residencias da terceira idade, que en moitos casos foron construídas pola Xunta e despois concesionadas, ou que foron directamente privatizadas por Feijóo, como as de Viveiro, Vimianzo, Monforte ou Ourense”.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020.- Martiño Noriega instou hoxe a Alberto Núñez Feijóo a exercer “nas áreas nas que tén competencias exclusivas, como son a Sanidade ou as Políticas Sociais, e a deixar de actuar na crise do coronavirus como un delegado de Génova 13”. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “o covid-19 está deixando en evidencia as graves consecuencias da acción privatizadora da Xunta do PP, e é agora cando toca reivindicar o valor do público”. En concreto, Noriega referiuse ás residencias de maiores, que a coalición de esquerdas urxe a dotar de medios e de persoal, debidamente equipado e protexido, para o coidado das persoas máis vulnerables diante desta pandemia.

Martiño Noriega insistiu en que “as consecuencias da privatización vense tamén nas residencias da terceira idade, que en moitos casos foron construídas pola Xunta e despois concesionadas, ou que foron directamente privatizadas por Feijóo, como as de Viveiro, Vimianzo, Monforte ou Ourense”. Ao respecto, lembrou o caso da residencia privada do barrio compostelán de San Lázaro, na que na última semana se detectaron sete casos positivos de coronavirus, e “onde as traballadoras recoñeceron non estar preparadas para atender unha situación que obrigou a illar nunha das plantas do edificio a 67 persoas”

Medicalización das residencias de maiores

Martiño Noriega referiue así á petición que Galicia en Común-Anova Mareas lle reiterou hoxe a Alberto Núñez Feijóo para que medicalice todas as residencias de maiores do país, tanto as públicas como as privadas, exercendo as súas competencias en Política Social e as previstas na Orde 275/2020, de 23 de marzo do Ministerio de Sanidade -publicada hoxe no BOE-, que faculta ás comunidades autónomas a que interveñan as residencias privadas en función da situación epidémica e asistencial, considerándoas como servizo esencial na loita conta o Covid-19. Esa demanda xa fora formulada na xuntanza telemática con Feijóo que mantivo o domingo Antón Gómez Reino, que hoxe reiterou que “cómpre actuar sen demora e reforzar no inmediato a dotación de persoal e medios, debidamente equipados e protexidos, para o coidado das persoas máis vulnerables que requiren dun maior esforzo médico e asistencial extremadamente agravado pola pandemia do Covid-19 que nos azouta”. O candidato da coalición incidiu en que “a Xunta ten que asumir as súas competencias, non só aplicando esa orde senón tamén indo máis alá dese documento”

Así, a coalición súmase á demanda das traballadoras de residencias como a San Carlos, en Celanova, onde tan só hai 4 persoas para atender a 54 residentes no que é o foco máis grande de positivos por Covid-19 de Galicia, con 20 persoas contaxiadas e unha persoa falecida. Unha situación dramática que preocupa severamente a Galicia en Común-Anova Mareas, e que comeza a ter réplica noutros centros galegos. “O caso de Celanova é un dos moitos exemplos de privatización das residencias, cun 25% das prazas concertadas e no que vemos como a privatización da asistencia aos nosos maiores foi a peor solución. Precisamos un futuro onde apostemos decidamente polo público, sen escatimar esforzos e recursos”, destaca a coalición.

Ao tempo, reclámase a desinfección periódica destas instalacións e tamén que se evacúen a outros centros a aquelas persoas residentes que teñan maior vulnerabilidade e cuxa saúde se poña en risco ao non contar estas instalacións cuns requisitos mínimos de seguridade. A coalición solicita tamén que se actúe sen demora noutros dous puntos que son moi vulnerables como os centros de menores e de persoas dependentes, poñendo o foco e o esforzo na súa axeitada protección.

Recoñecemento ás traballadoras dos coidados

A número 1 da coalición pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, quixo poñer en valor o inxente traballo que están a facer as traballadoras e o persoal de coidados -nun sector altamente feminizado- tanto nos centros públicos, con moitas eivas, como nos privados, onde o modelo de negocio que se impuxo en Galicia na última década se estivo a lucrar a costa de abaratar a asistencia, recortando en persoal e a calidade do servizo.

Por último, Galicia en Común-Anova Mareas, volveu mostrar hoxe o seu recoñecemento “ao sacrificio e o exemplo cívico da sociedade galega no seu conxunto e das galegas e dos galegos que están na primeira liña de defensa deste combate contra o Covid-19, particularmente aos sanitarios, pero tamén transportistas, persoal de coidados, servizos de emerxencia…”. “Todas elas”, insistiu o candidato Gómez-Reino, “fan que vaiamos adiante xuntas e unidas”.