Antón Sánchez denuncia as políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores

Por Anova IN o 3 de Abril de 2020 en Actualidade, Destaques

Antón Sánchez reclama que o goberno do PP dea un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas.

O voceiro tilda de decepcionante a comparecencia do vicepresidente ante a ausencia de medidas de apoio ás maiorías sociais.

Compostela, 3 de abril de 2020.- O voceiro no Parlamento de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Sánchez, urxiu este venres á Xunta a intervir as residencias de maiores ante a situación que se está a dar nestes centros pola pandemia do Covid-19. Na comparecencia da conselleira de Política Social na Cámara galega criticou que a Xunta “chegou tarde” á hora de tomar medidas, tendo en conta que “vimos dunha situación moi difícil porque o goberno de Feijóo leva 11 anos recortando e privatizando a atención ás persoas maiores.Hai que dar un xiro de 180 graos ás súas políticas, que poñen o beneficio por enriba das persoas”.

Sánchez denunciou que o goberno do PP “actúa cun cinismo absoluto” ao acusar de falta de lealdade, xa que “a nosa lealdade, por enriba de todo, está coa xente, coas persoas maiores e coas traballadoras que sufriron as súas políticas durante estes anos. “Cinismo é utilizar máis da metade da intervención para loubar os profesionais das residencias de maiores tras estar 11 anos sen escoitalos e ignorando as súas demandas”, espetou tras a intervención da conselleira.

“O que estamos vivindo é a consecuencia lóxica das políticas de precarización e mercantilización do benestar dos maiores, poñendo o negocio por enriba das persoas. Amarelismo non é sinalar o que di o informe do Consello de Contas, que fiscaliza a súa política nas residencias da Terceira Idade. Este informe di que Galicia ten un 3,05% de prazas por habitante maior de 65 anos, cando a media estatal é do 4%”, afondou Sánchez. Entre outros datos do informe, o voceiro destacou que “a Xunta afirma que actúa ante calquera irregularidade, mentres que o informe afirma que se aprezaron irregularidades e non se iniciaron expedientes sancionadores contra esas residencias que incumprían a legalidade”.

Antón Sánchez continuou debullando que “Galicia é líder en privatización deste sector no Estado e iso nótase na atención aos maiores”. Así, remarcou que “vai haber un antes e un despois da crise do coronavirus na atención aos maiores, porque non pode ser que o negocio estea por enriba das persoas. Durante 11 anos non construíron residencias de xestión pública directa, cando os datos demostran que teñen mellor calidade asitencial que as privadas. E con este modelo, no que a privada non deixou de medrar durante o seu goberno, teñen que fiscalizar e non mirar para outro lado”.

Ante isto, demandou que se escoiten as propostas que están poñer sobre a mesa as profesionais. “Hai que intervir todas as residencias afectadas para poder aplicar os protocolos. O persoal quere facer ben as cousas, pero non ten medios. É precisa unha inspección inmediata das residencias e un mando único efectivo. Estase demostrando que non hai capacidade para aplicar os protocolos en todas as residencias. Para iso hai reforzar o persoal, os recursos e a formación”.

Comparecencia decepcionante do vicepresidente

Sánchez cualificou de “decepcionante” tamén a comparecencia do vicepresidente da Xunta, xa que “se deu pouca información e de pouco calado nalgúns casos. Botamos en falta outras medidas, non sei se non quixo dar información ou non hai máis medidas e máis ambiciosas”. Así, reiterou a petición de información á Xunta respecto da utilización dos recursos da sanidade privada, reclamando que “arrimen o ombreiro nesta crise tras acadar cotas de mercado históricas de ata o 26,5% durante o seu goberno”. “Temos que enterarnos pola prensa do que están facendo e o presidente da súa patronal declarou que está sendo infrautilizada”.

No eido económico e social, Antón Sánchez apuntou que “Galicia é unha das poucas comunidades que non outorgou axudas directas a autónomos”, poñendo exemplos doutras que si o fixeron. O mesmo acontece con respecto á vivenda, nin sequera no parque público, xa que, segundo sinalou o voceiro, “o bono de alugueiro social non é suficiente. Saben que unha persoa que queda dun día para outro sen ingresos, non pode xustificar ser beneficiario deste bono e ten que seguir pagando”. Sánchez reclamou tamén axudas para o alugueiro de locais comerciais e instou o Executivo galego a “pensar un ingreso mínimo vital máis alá da Risga” porque “hai moita xente que o vai pasar moi mal e Galicia vai á cola”.

Fronte a esta parálise, o voceiro insistiu na proposta lanzada a Feijóo a semana pasada: facer uns novos orzamentos con medidas de apoio á xente que reflexen tamén de onde van saír os ingresos. Para este cometido, considerou un erro o anuncio do aprazamento dos impostos autonómicos. “Non pode ser que se lle aprace o pago á xente que ten máis un millón de euros de patrimonio. Esas son as persoas que teñen que contribuír máis nos tempos que veñen. Teñen que darlle un xiro de 180 gardos a esa política fiscal de exencións aos ricos. A saída da crise só vai ser xusta con políticas fiscais xustas”.

Entre outras accións, Antón Sánchez pediu unha regulación para a reapertura dos mercados locais, “fundamentais nesta situación” e acometida tamén noutras comunidades. Ademais, esixiu que se escoiten as reivindicacións do persoal do 112 para reducir riscos no desenvolvemento do seu labor e urxiu a asumir a xestión pública do 061, onde as traballadoras e traballadores “están dando o callo tras meses sen cobrar”.

Para finalizar, indicou que desta situación “hai que sacar conclusións das políticas de recortes contra a xente que se desenvolveron desde o seu goberno. Os recortes en sanidade conlevan máis dificultades en crises coma esta e custan sufrimento, dor e morte. Se Galicia tivese as mesmas camas que cando o PP chegou ao goberno, teriamos 800 máis. Se Galicia estivese na media estatal, teriamos 730 médicas e médicos e 945 enfermeiras e enfermeiros máis. Temos que abandonar esas políticas apostando polo público e o colectivo”.