Propostas de apoio a comercio e turismo ante a crise do Covid 19 de Galicia en Común – Anova Mareas

Por Anova IN o 14 de Abril de 2020 en Actualidade

O sector servizos, e máis concretamente as actividades comerciais e turísticas, son pezas crave na economía galega, cunha importante achega en materia de creación de riqueza e emprego.

A situación actual destas actividades xerada pola crise sanitaria obriga a desenvolver, de maneira urxente, medidas de apoio por parte da Xunta de Galicia, en coordinación co Goberno do Estado e as Administracións Locais, que non só atendan ás necesidades conxunturais de empresas, autónomos/as e traballadores/as, senón a establecer as garantías de continuidade destas actividades nas mellores condicións posibles fronte ás dificultades que previsiblemente terán lugar na fase de recuperación post-crise, así como a sentar as bases para o avance cara a un modelo sectorial baseado en criterios de cooperación e sustentabilidade.

Propostas:

Propostas:

1 | Axudas directas a fondo perdido a pemes e autónomos/as que cesasen a súa actividade ou visen reducidos os seus ingresos de maneira importante por causa da crise sanitaria para afrontar gastos de aluguer de instalacións, pagos de persoal e outros custos inasumibles nesta situación de paralise, cunha dotación mensual suficiente, que será mantido durante os seis meses seguintes ao levantamento do estado de alarma.

2 | Aprobación de liñas de axudas específicas, a fondo perdido, destinadas a pemes e autónomos, entre as que se propoñen:

  • Axudas para o desenvolvemento de sistemas e ferramentas de comercio virtual e teletraballo, así como para a formación e capacitación do persoal no uso destas.
  • Axudas para a reactivación da actividade comercial, a realización de campañas publicitarias, o comercio local e de proximidade e a promoción de produtos feitos en Galicia.
  • Axudas para a creación e ampliación de asociacións comerciais que protexan e permitan unha maior cooperación entre o sector do comercio galego.
  • Liñas de axuda específicas para empresas e autónomos con establecementos turísticos vinculados directamente co Camiño de Santiago que non poden abrir as súas portas neste periodo

3 | Axilización e disposición de procedementos abreviados que permitan a solicitude e concesión de axudas, de maneira telemática, con requirimentos abreviados e posposición de entregas documentais, e con resolución urxente de expedientes acorde á situación de emerxencia.

4 | Liña de crédito a interese cero, a través do IGAPE, cun período de carencia mínimo de seis meses tras o levantamento do estado de alarma e facilidades de pagamento para autónomos e pequenas empresas de comercio e hostelería cuxos ingresos se viron afectados de maneira importante pola situación de crise sanitaria.

5 | Moratoria ao pago de alugueres de locais comerciais de propiedade ou xestión pública e quitas do 50% durante catro meses para aqueles casos nos que se reducisen de maneira drástica os ingresos (Instituto Galego da Vivenda e Solo; XESTUR S.A.; etc.).

6 | Creación dun fondo de capital risco para investir en empresas arraigadas no territorio galego e con capacidade de dinamizar a actividade económica.

7 | Posta en marcha dunha liña de apoio financeiro urxente dirixida a entes locais para ao mantemento e impulso da actividade comercial e turística nos municipios de Galicia, e a promoción do comercio local, de proximidade, e os produtos co orixe en Galicia.

8 | Mantemento de todos os contratos públicos da administración autonómica comprometidos co sector do turismo e o comercio, mediante fórmulas de flexibilización e adaptación no obxecto e temporalidade dos contratos, de tal forma que se permita a cobertura de necesidades emerxentes na actual situación de crise, así como o sostemento da actividade e o emprego nesta fase e posteriores.

9 | Axilizar o pagamento a provedores por parte da Xunta de Galicia para garantir o mantemento da súa actividade e dos postos de traballo.

10 | Atención inmediata ás demandas de emprego de empresas comerciais que prestan servizos esenciais durante esta crise, como as adicadas á alimentación ou a subministración de produtos sanitarios.

11 | Campañas de promoción de Galicia como destino turístico, que incorporen a estratexia social e ecolóxica ao tempo que alenten aos consumidores e consumidoras finais a pospoñer as reservas e non cancelalas.

12 | Impulsar un programa de competitividade turística socialmente responsable para contribuír a adecuar os servizos do sector aos novos requirimentos tras a crise sanitaria.

13 | Creación dunha comisión permanente de traballo transversal entre as administracións galegas, axentes do sector do comercio e turismo, representantes sindicais e organización civís, para analizar e decidir conxuntamente as medidas a implementar nas sucesivas fases de crise e recuperación.