Propostas en materia de política social de Galicia en Común – Anova Mareas diante da crise da Covid-19

Por Anova IN o 25 de Abril de 2020 en Actualidade

A vida, garantir o sustento básico, ten que estar agora na prioridade de todas as Administracións e accións políticas. Sen demora, sen atrancos. Poñendo todos os medios e  empeño en que as axudas cheguen a tempo a quenes teñen que chegar e a quenes as precisan.

É neste difícil contexto no que achegamos unha serie de propostas enfocadas na protección das persoas con maior risco de vulnerabilidade (menores, maiores, persoas con dependencia, familias en risco de exclusión, monoma/parentais) pero tamén aquelas que se atopan ante nunha situación inesperada e incerta, para ter a garantía de que ningúen fique atrás e poidan ter o mínimo para subsistir, teito e pan.

Urxe que a Xunta de Galicia goberne, actúe e se implique no reforzo daquelas competencias que ten delegadas nos concellos, especialmente nos Servicios Sociais, que están soportando a inxente carga derivada desta situación extraordinaria cos medios ordinarios e os propios, insuficientes en moitos casos.

1 | Renda vital de emerxencia. Axudas económicas directas e urxentes para todas aquelas persoas e familias que non conten con ingresos ou liquidez para garantir a súa subsistencia. A contía será suficiente e proporcionada para garantir os pagamentos de alugueiro de vivenda, alimentación e subministros básicos da unidade familiar (electricidade, auga, gas, medicinas, etc.). Por medio do incremento de recursos da Renda de inclusión social de Galicia (RISGA), as Axudas de emerxencia social ou por outras vías para cubrir novas demandas. Estas axudas deben flexibilizar e axilizar os requisitos de acceso axustándoos ás necesidades xeradas a causa do Covid-19.

2 | Suspensión da cobranza de taxas e impostos autonómicos a aquelas persoas e familias que acrediten a perda dos ingresos,  ou cando estes sexan insuficientes durante o período de crise sanitaria para garantir o sustento.

3 | Habilitar liñas de axuda urxente aos concellos para incrementar os recursos materiais e humanos dos servizos sociais municipais, -os que mellor coñecen de preto a realidade dos seus territorios- e posta á súa disposición dos servizos de empresas privadas que poidan cubrir as necesidades existentes en cada caso.

4 | Abrir novos prazos e requisitos máis flexibles para axudas de continuidade ante o afloramento de novos casos de precariedade, como bolsas comedor ou as prestacións ligadas á renda vital de emerxencia.

5 | Ampliación (e prórroga) do Programa do Servizo de Axuda a Dependencia (SAD) coa dotación de persoal suficiente para dar axilidade ás valoracións do grado de dependencia e a realización efectiva dos pagos.

6 | Reforzo dos servizos de teleasistencia para a adecuada atención e cobertura a persoas soas, maiores, con dependencia e casos positivos ou illadas a causa da COVID-19 que o precisen.

7 | Implementación dun plan específico de Atención a domicilio de persoas con enfermidades mentais e desenvolvemento de servizos de teleasistencia en materia de saúde mental.

8 | Garantir solucións habitacionais aos colectivos máis vulnerables, axudas ao aluguer para persoas e familias con ingresos insuficientes e exención do pago da renda en vivendas do IGVS durante catro meses, con medidas de aplicación concreta e acompañamento xa descritas no bloque de propostas de vivenda que xa foron presentadas o 18 de abril.

9 | Axudas a conciliación para persoas con menores a cargo, ou persoas con dependencia, e casos positivos ou illadas a causa da COVID-19 durante o periodo no que permanezan pechados os centros de ensino e os centros de atención a persoas dependentes. Con especial atención ás familias monomarentais e monoparentais.

10 | Axilización e disposición de procedementos abreviados que permitan a solicitude e concesión de axudas de maneira telemática, con requirimentos abreviados e adiando as entregas documentais, urxindo a resolución dos expedientes acorde á situación de emerxencia.