Antón Sánchez esixe á Xunta que garanta o dereito á vivenda e deixe de usalo na súa campaña de intoxicación

Por Anova IN o 29 de Abril de 2020 en Actualidade, Comunicados, Destaques

Galicia en Común-Anova Mareas sinala que as críticas da conselleira á falta de financiamento do Goberno do Estado son un recoñecemento do fiasco das políticas que vén desenvolvendo o Executivo de Feijóo nos últimos anos

Compostela, 29 de abril de 2020. O voceiro no Parlamento de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Sánchez, esixiu este mércores que a Xunta garanta o dereito á vivenda das galegas e galegos e deixe de usalo na súa campaña de intoxicación.

Na súa resposta á comparecencia da conselleira de Vivenda, Sánchez criticou que “veu aquí a facer propaganda, mentres hai unha ausencia de medidas evidente desde o Goberno galego nun campo fundamental”. Deste xeito, incidiu en que as críticas da conselleira á falta de financiamento do Goberno do Estado son un recoñecemento do fiasco das políticas que vén desenvolvendo o Executivo de Feijóo nos últimos anos.

Segundo sinalou Antón Sánchez, “mentres vostedes presumen de aprazar os pagos das rendas, hai comunidades autónomas que exoneraron deses pagos durante un mínimo de tres meses a aqueles que perderon os ingresos pola crise do coronavirus. Vostedes non tomaron esa medida, e nin sequera aproveitaron as posibilidades que dá o Real Decreto 11/2020 para considerar o Instituto Galego de Vivenda e Solo como gran posuídor e facer a quita que se permite do 50%”.

O voceiro tamén destacou que “anuncian un aumento ao 100% da subvención da renda do bono de alugueiro social, pero segundo as cifras da súa Consellería é unha medida que só chega a 700 familias. Ademais, como recoñeceu hoxe, aínda non publicou as axudas ao alugueiro derivadas da modificación dos plans estatais”.

Sánchez afeou que, ao tempo que a Xunta non executa estas medidas “súmase ás críticas desta modificación, seguindo a súa tónica habitual: todo o que funciona ben é cousa da Xunta e o que funciona mal, é do Goberno do Estado”.

O voceiro afirmou que “concordamos en que é necesario reclamar máis financiamento”, pero a realidade detrás das afirmacións da conselleira supón “un recoñecemento da insuficiencia das medidas da Xunta. O financiamento do Estado será insuficiente, pero as súas estimacións están burdamente sobredimensionadas para que lles sirvan de campaña de intoxicación”.

O voceiro tamén cualificou de insuficientes os programas adicados ao alugueiro e á vivenda protexida desenvolvidos pola Xunta. “É evidente que as axudas ao alugueiro eran insuficientes, e agora, sono máis. Canta xente quedou fóra delas por insuficiencia orzamentaria tendo ese dereito? Vostedes endureceron as condicións patra dificultar o acceso”, acusou.

“Non se poden retorcer as cifras para facer unha campaña de intoxicación que saben que é falsa. Recoñezan que recortaron os orzamentos sistematicamente, ademais da nula execución das políticas públicas de vivenda e o seu abandono das mesmas. Isto non é casualidade porque estas políticas prexudicarían os intereses de quen especula coa vivenda”, engadiu.

No referente á vivenda protexida, Sánchez detallou as cifras da drástica redución levada a cabo polo Goberno de Feijóo, ademais do fiasco do programa de vivendas baleiras. “Só nos últimos 4 anos, La Rioja é a única comunidade que adica menos partidas a vivenda protexida. Case 15 mil persoas están rexistradas no programa, ás que estafan coas súas políticas, mentres se dedican a facer electoralismo e a intoxicar coas medidas que toman outros gobernos. Poden ser mellorables, pero vostedes non teñen credibilidade”, espetou, concluíndo que “non esperabamos outra cousa, porque nos peores anos da crise negáronse a facer políticas que amparasen a xente que quedou sen vivenda, e agora seguen igual”.

A coincidencia desta sesión parlamentaria coa comparecencia do presidente da Xunta na TVG motivou que o voceiro lamentase “o desprezo de Feijóo ao Parlamento ao tempo que ocupa boa parte da franxa horaria da TVG facendo propaganda e electoralismo.

“Mentres, renuncia a vir aquí para falar do que está falando agora, e que os demais poidamos aportar. Prefire facer propaganda nese medio público no que os profesionais levan 101 venres negros protestando pola utilización partidista do PP”.

Por último, remarcou que o presidente “mentiu unha vez máis, porque dixo que ía comparecer na Cámara no mes de abril e non o vai facer”.