En relación ao asasinato de George Floyd

Por Anova IN o 3 de Xuño de 2020 en Actualidade, Destaques

O asasinato de George Floyd a pasada semana a mans da policía desatou por todo Estados Unidos unha vaga de protestas contra a violencia policial e o racismo. O presidente Trump respondeu a estas protestas con represión e a criminalización dos manifestantes ca axuda dos medios de comunicación, centrándose en poñer o foco nos disturbios e non no problema.

Cando se vulneran de xeito sistemático os dereitos fundamentais e se atenta contra a vida de millóns de persoas, a indiferencia ou a equidistancia non son posicións válidas. A violencia é non poder camiñar tranquila pola rúa. É non atopar traballo porque o teu xefe non confía en ti por ser diferente. É ser xulgada constantemente polo teu cor de pel ou a túa orixe. É non poder chegar a fin de mes porque non che dan oportunidades.

Non obstante é importante non esquecerse que o racismo e a violencia policial non é algo exclusivo dos EEUU: en Europa e no Estado español non sobran casos deste tipo. Lembremos a escravitude de facto que sofren as xornaleiras e temporeiros do rural andaluz ou o trato aos inmigrantes que veñen do continente africano.

O racismo e a clase están relacionados. A criminalización e o odio ao diferente e ao pobre é algo que vai da man nas altas capas da sociedade. Ensinounolo así Celso Emilio Ferreiro nestes versos que destacamos do seu poemario Longa noite de pedra, escrito en 1962.

Hoxe a dereita extremada e a ultradereita interpretan o avance na igualdade e no recoñecemento ao diferente como un ataque aos seus privilexios, para o que non dubidan en verter odio e tentar dividir ao último co penúltimo. Vímolo nun infame artigo do altofalante de Feijóo no que se apuntaba a datos supostamente obxectivos para amosarnos o alto índice de criminalidade existente entre a poboación negra norteamericana. Por suposto, sen facer referencia ás causas estruturais dun modelo institucional e social impregnado de racismo e odio de clase.

O racismo vén da mal do auxe da ultradereita. É un problema real, persistente en todo o mundo e fortemente arraigado na sociedade e os seus aparellos ideolóxico e represivo.