Abriremos este proceso para rearmar a nosa alternativa diante deste cambio de escenario e ver de que ferramentas debemos dotarnos para rematar coa hexemonía conservadora en Galicia.
Teo, 18 de xullo de 2020.- Hoxe tivo lugar en Teo unha xuntanza ordinaria da nosa Coordinadora Nacional, marcada polos resultados do 12-X que valoramos como moi negativos. Non se trata só da perda de representación no Parlamento de Galicia, se non da confirmación de que nos atopamos nun momento de refluxo, de avance do conservadurismo e da ultradereita, onde o horizonte de ruptura semella máis lonxe e no que avanza a recomposición do Réxime do 78.
Diante deste novo escenario, Anova abrirá un proceso de autocrítica e de reflexión á volta do verán para adecuar a organización a este novo tempo político. Na nosa IV Asemblea Nacional xa enunciamos a idea da refundación de Anova xunto con outros continxentes militantes, unha proposta que compre actualizar dende unhas condicións moito máis negativas.
Dende a nosa fundación Anova fixo unha aposta clara en facer unha nova lectura da cuestión nacional e na necesidade da unidade das esquerdas, cun horizonte anticapitalista e de ruptura co Réxime do 78. Foron oito anos nos que puxemos toda a nosa enerxía en disputar hexemonías e acadamos importantes responsabilidades de goberno no eido municipal.
As condicións sociais e materiais están aí e empeorarán. A agresión contra as maiorías sociais existe e existirá, e incrementarase. Dunha ou doutra maneira estaremos presentes para impugnar o estado das cousas procurando a mellor forma de construír a auto-organización das máis.
É evidente que tamén erramos ao establecer as dinámicas internas deste espazo, cuestións que foron amplificadas e que remataron por lastrar a nosa credibilidade diante da xente. Este elemento é un dos motivos que explican os negativos resultados do 12 de xullo.
En setembro definiremos e anunciaremos os seguintes pasos a dar para encetar este proceso de autocrítica e de debate. É importante mirar para o futuro e seguir construíndo para rematar coa hexemonía conservadora do Partido Popular en Galicia.