“É unha vergoña que, mesmo despois dunha sentencia, Feijóo se resista a dar a información que esixe o TSXG”
“Non pararemos ata coñecer toda a verdade da estafa das caixas”
O portavoz de Anova vese na obriga, case 3 meses despois de que se ditase sentencia por parte do TSXG, de reclamar publicamente ao goberno galego que entregue a documentación que se esixe na sentencia, concretamente o informe-proposta de Marta Fernández Currás, Conselleira de Facenda por aquel entón, sobre a fusión das caixas galegas, e a acta da comisión dos secretarios xerais antes do Consello da Xunta que autorizou a fusión.
Á vergoña de que a Xunta de Galicia sexa condenada por vulnerar os dereitos fundamentais dun deputado que leva pelexando por darlle luz ao proceso que resultou ser unha das maiores estafas económicas da historia recente de Galiza, sumáselle a de resistirse a entregar a documentación solicitada mesmo despois da sentencia.
Práctica reiterada porque a vulneración deste dereito fundamental recollido no artigo 23 da Constitución é norma no Parlamento galego onde constantemente se lles nega información aos representantes e ás representantes de galegos e galegas en función dos intereses do PP.
Nuñez Feijoo falta unha vez máis á súa palabra e pretende ocultar a verdade no “fiasco” das caixas negando información e mantendo paralizada a Comisión de Investigación durante 6 anos para evitar que saia à luz o que foi un gran negocio para un Banco venezolano, e pésimo para Galiza.
“Non pararemos ata que se coñeza toda a verdade”, declarou o portavoz nacional de Anova que agarda “non ter que recorrer à vía xudicial para a execución da sentencia, o que amosaría aínda máis a vontade dilatoria do goberno galego”.