ANOVA parabeniza ao Movimiento al Socialismo (MAS-IPSP) e ao pobo boliviano pola victoria electoral

Por Millán Fernández o 20 de Outubro de 2020 en Actualidade

Con máis dun 52% de apoio popular e nunhas circunstancias tan difíciles a victoria do partido do ex presidente Evo Morales, deposto pola forza baixo acusacións infundadas de fraude electoral, significa un logro histórico.

Anova-IN quere trasladar os seus parabéns ao pobo boliviano e ao presidente electo Andrés Lucho Arce que, logo do golpe artellado pola oligarquía local e promocionado desde Washington, viuse sometido a un escenario de forte represión política baixo o mandato da auto-proclamada presidenta Jeanine Áñez, a cal pasará á historia da infamia e do fracaso do neocolonialismo racista en latinoamérica.

As eleccións celebráronse xusto un ano despois daqueles feitos e, aínda non permitindo que Evo Morales fose o candidato ao atoparse este no exilio, a victoria popular é incontestable. Isto representa un contragolpe democrático e unha lección de conciencia cívica das capas populares e da Bolivia traballadora e plurinacional. Foron anos de desenvolvemento e exercicio efectivo da soberanía, da liberdade e a democracia que se estenderon a todos os sectores historicamente marxinados.

Quixeron consumar un golpe dentro da vaga de golpes brandos reaccionarios que se diseminaron por todo o continente despois da chamada “década de ouro” progresista dos gobernos de Lula e Dilma Rouseff, Fernando Lugo, Pepe Mújica, Correa…e que superaran o nefasto ciclo neoliberal con políticas a favor das maiorías sociais. Mais as urnas falaron alto e claro.

O pobo boliviano deu unha lección de memoria e de unidade ante as masacres fascistas e o intento de espolio e de volta á longa noite neoliberal, nunha mostra de resistencia cívica e democrática heroica.

Agardamos que todos os actores (oposición, OEA…) interpelados por estes resultados respecten o mandato claro e contundente das urnas e o Estado Plurinacional de Bolivia regrese así ao camiño da súa soberanía sobre os recursos e riquezas naturais, así como ao camiño da participación política plena en liberdade de todas as comunidades indíxenas, estendéndose novamente a democracia e o progreso a todos os sectores sociais e marcando así o vieiro a seguir por outros pobos do mundo.

Estes feitos prodúcense, ademais, ás portas dun proceso electoral decisivo nos Estados Unidos de Norteamérica, os cales, coma sempre, tiveron un papel determinante no intento de desestabilización e destrución da democracia naquel país, co fin último de facerse coas materias primas e ampliar a súa imperial, voraz e criminal influencia no Sur.

“Volverei e serei millóns” Tupac Katari. Viva o pobo boliviano!

Galiza, 19 de outubro de 2020