Sete anos tarde, a entrega do informe da Xunta de Galicia demostra a neglixente actuación de Feijóo na ruinosa fusión das Caixas de Aforro

Por Millán Fernández o 29 de Decembro de 2020 en Actualidade

“As responsabilidades políticas do goberno Feijóo no fiasco das caixas de aforro quedan evidenciadas definitivamente”, manifestou Antón Sánchez.

AÍNDA QUE A XUNTA DE GALICIA DURANTE MESES FUNDAMENTOU O APOIO Á FUSIÓN NA SUPOSTA AUDITORÍA DE KPMG NIN SE MENCIONA NO INFORME PREVIO ASINADO POR FERNÁNDEZ CURRÁS

O INFORME ASINADO POR MARTA FERNÁNDEZ CURRÁS, DE CINCO PÁXINAS, NON ANALIZOU NIN SEQUERA A VERACIDADE DOS DATOS ACHEGADOS POLAS CAIXAS NO PLAN DE FUSIÓN QUE FOI CLAVE PARA O FIASCO DA OPERACIÓN.

Santiago de Compostela, 29 de decembro – A Xunta, obrigada por unha sentenza xudicial, entregou fóra de prazo e con sete anos de demora o Informe-proposta para a fusión das caixas galegas asinado por Marta Fernández Currás o 11 de novembro de 2010.

Tamén entregou un certificado do acordo recollido na acta da xuntanza de secretarios xerais previa ao Consello da Xunta onde se aprobou a fusión pero non fixo entrega, como esixía a sentencia do TSXG, da propia acta.

O informe sobre o que debía fundamentarse a autorización do Goberno galego da fusión nunca foi entregado á Comisión de investigación sobre a fusión das caixas galegas do Parlamento de Galicia, que era encargada de dilucidar as posibles responsabilidades políticas da maior creba financeira de Galiza nas últimas décadas.

A ocultación da Xunta só cedeu ante unha sentenza xudicial que evidenciou a vulneración do dereito a esa información que reclamou no seu día o deputado Antón Sánchez. Falta de transparencia e obstrución da labor parlamentar convertéronse na norma do executivo de Núñez Feijóo para evadir responsabilidades e render contas, nun grave comportamento antidemocrático do goberno Feijoo.

Á luz da documentación agora entregada, a razón da resistencia da Xunta a facilitar o Informe-proposta para a fusión das caixas galegas non foi outra que evitar que quedase á vista de todas a insolvencia do seu informe como aval dunha operación financeira que rematou coa creba das Caixas de Aforro.

Tras a lectura, constátase a omisión da Consellería de Facenda no seu cometido de auditoria, fiscalización e control efectivo do proceso de fusión. O Informe non vai acompañado de ningunha auditoría respecto da información financeira achegada polas Caixas para xustificar o operación e non se apoia en ningunha análise ou avalición esixente da mesma.

O informe non fai referencia ningunha nin tan sequera á sonada auditoría de KPMG, que como se desvelou no seu día nin foi auditoría nin contiña unha recomendación favorable á fusión. Así, si ben “durante meses a Xunta fundamentou o apoio á fusión nese informe que nin se menciona no informe proposta de Marta Currás, xa que pese ao dito en público o goberno sabía en realidade non avalaba a operación senón máis ben todo o contrario”, manifestou Antón Sánchez.

“É dicir, a Xunta autorizou a operación cun informe de 5 páxinas da conselleira responsable, sen que se fundamentase en ningún informe económico-financeiro previo que a avalase”, apuntou.

A labor da Consellería de Facenda era comprobar a veracidade do recollido no proxecto para evitar o que despois aconteceu e, non obstante, non se fan constar nin informes internos nin externos que avalasen a fusión. Nin nese informe, nin en ningún outro, avalíase a consistencia e oportunidade da operación promovida polos dirixentes das Caixas galegas, bendicida polo desleixo e abandono da Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo. O informe da Xunta recolle como único fundamento da súa decisión un parágrafo dun informe do Banco de España no que manifesta non ter obxecións a unha eventual fusión das Caixas galegas.

O ridículo informe de trámite asinado por Marta Fernández Currás evidencia a elusión de toda responsabilidade de control e fiscalización por parte da Xunta sobre o Plan de fusión das caixas. Non se fixo a máis mínima comprobación dos datos financeiros nin ningunha investigación complementaria sobre viabilidade e substentabilidade da fusión.

A Xunta limitouse simplemente a estampar a súa sinatura ao pé dunhas contas que axiña se demostraron fraudulentas e, despois, a arroupar propagandisticamente unha operación abocada ao fracaso. E, tras a creba das Caixas, o Goberno de Núñez Feijóo entregouse con total impunidade a unha sistemática operación de ocultación das súas responsabilidades.

A sobrevaloración dos activos e estimacións achegadas por Caixa Galicia e CaixaNova foi a causa fundamental do fracaso posterior da operación construída sobre unha realidade falseada a base de engordar principalmente os seus activos inmobiliarios. O máis mínimo control tería evidenciada a contabilidade falseada e trampeada polos executivos das Caixas galegas 

En definitiva: cun insolvente informe de cinco páxinas, falto de todo rigor e esixencia, o Goberno de Núñez Feijóo deu por boas as fantasías contables dos directivos das Caixas galegas, avalou irrresponsablemente unha operación que puxo en risco os aforros de milleiros de galegos e galegas e converteuse no colaborador necesario que liquidou as Caixas que xestionaban o 40% do noso aforro.

”As responsabilidades políticas do goberno Feijoo no fiasco das caixas queda evidenciado definitivamente”, manifestou Antón Sánchez.

Os “bos xestores” das Caixas e os “bos xestores” da Xunta asignaron un pacto de silencio e ocultación das súas irresponsabilidades ao redor dunha operación que privou a Galicia dun sólido sistema financeiro e de aforros.

Podes acceder aquí ao documento en PDF

4_6003596507159202075