O 25 de abril conmemoramos a liberación que supuxo para os pobos portugués e italiano a derrota dos réximes fascistas e a consecución da liberdade e a democracia. O 26 de abril lémbrase a data infame na que a aviación xermana nazi-fascista “Lexión Cóndor”, aliada do franquismo, arrasou Gernika no 1937 como capital histórica que representa as liberdades e dereitos colectivos do pobo euskaldún. Na Galiza temos memoria do que significou para o noso pobo o exterminio do 36, e a Longa Noite de Pedra.
A banalización das ideas totalitarias que vimos experimentando nos últimos anos son o caldo de cultivo idóneo para que emerxan expresións violentas, máis ou menos organizadas, de carácter filo-fascista. A democracia debe dispoñer todas as ferramentas ao seu alcance para protexerse e deixar de ser tolerante cos intolerantes e fanáticos. En todas as frontes, ata reducilos á mínima expresión na vida social e política.
Dende a nosa constitución como organización política tivemos como un dos eixos fundamentais que guiaron a nosa acción a loita antifascista e vimos alertando da súa escalada, promovida e auspiciada tamén dende estruturas do réxime monárquico do 78. Por iso, para Anova, esa posición irrenunciable vai ligada á loita por un horizonte democratizador e de carácter republicano.
Diante da campaña violenta (e da súa xustificación) que o fascismo está a levar a cabo no Estado español, desde a propagación permanente e constante da mentira e das “fake news”, as crecentes mostras de xenofobia, aporofobia, supremacismo ultra-nacionalista, negacionismo, racismo ou misoxinia -que constitúen delitos de odio- ás ameazas directas de morte dirixidas a cargos políticos, ANOVA rexeita enerxicamente estas accións inspiradas pola extrema dereita española, e solidarízase coas persoas ameazadas.
Asistimos a unha escalada de feitos, tanto na forma como no fondo e dende diversos ámbitos, que atentan expresamente contra os alicerces mesmos da democracia de baixa intensidade que viñemos denunciando desde a nosa fundación como formación política alá polo 2012. Os poderes e o goberno do Estado, diante dos ataques directos á convivencia, deben actuar coa máxima dilixencia e contundencia en defensa da paz civil e das liberdades públicas.
O fenómeno neonazi e ultradereitista, e todos os perigos e ameazas que presentan á paz e á vida, non é algo novo: está relacionado cun paulatino proceso de “fascistización” social alentado desde instancias das elites económicas ante as crises capitalistas, neste caso desde a Gran Depresión do 2008 e agora redobradas coas consecuencias da “crise pandémica” (2020). Expresións súas coma o trumpismo, o bolsonarismo ou o lepenismo e outros exemplos arredor do continente (en Grecia con Amencer Dourado, en Italia coa Lega Nord ou Fratelli d´Italia, en Hungría co autoritario Viktor Orbàn, en Polonia…) poñen en perigo a convivencia pacífica nas nosas sociedades, e ameazan directamente as liberdades públicas e os dereitos fundamentais recollidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e no espírito do constitucionalismo democrático de posguerra (mundial). Non son forzas políticas lexítimas, se non organizacións destinadas ao embrutecemento e confrontación do último contra o penúltimo, destruíndo a civilidade e os valores democráticos, ao servizo dos intereses exclusivos das clases dominantes. Son, polo tanto, a antítese da democracia. Na Europa democrática é inconcebible ningún achegamento ás forzas da reacción neofascista ligadas á chamada “internacional do odio”.
No estado español a súa promoción descarada desde algúns centros de poder a través das súas terminais mediáticas comeza, nesta fase histórica, alá polo 2011 como reacción desmesurada ao movemento social 15M e á creación e auxe de novas formacións políticas de esquerda, e intensifícase notablemente a raíz do “procès” democrático catalán (moi especialmente na xornada do 1 de outubro e seguintes) con todas as consecuencias policiais e xudiciais que trouxo en forma de represión en base á interpretación rigorista das leis e o populismo punitivo, e a negación do diálogo político para a resolución de conflitos políticos, dando como resultado o encarceramento de presos políticos e exiliados e algúns episodios graves de violencia nas rúas.
Houbo demasiados cómplices na promoción e ascenso do actual neofranquismo español. Tamén en “sectores progresistas” que foron da man, en máis dunha ocasión, de formacións como Falange Española nas manifestacións “unionistas”. O branqueamento da ultradereita en boa parte dos medios de comunicación, na prensa escrita xeneralista, nas radios e platós de televisión, ten moito que ver coa banalización de ideas radicalmente incompatibles coa democracia e, ante as cales, é imposible argumentar e dialogar en termos racionais.
No mes de outubro de 2017 declarabamos que “o que hoxe parece unha cuestión catalá, despois estenderase a todos os que se atrevan a cuestionar o réxime. Non só está en xogo o dereito da cidadanía de Catalunya a decidir o seu destino, se non os dereitos e liberdades de todos os cidadáns do estado español”. Naquela altura pois, o “a por ellos” non ía dirixido unicamente ao soberanismo catalán, vasco ou galego, se non tamén a todas as forzas democráticas. Houbo moitos sectores que miraron a outro lado, por “utilidade” naquel momento. Desataron unha besta que agora está fóra de control.
Este punto álxido cadra con que estea en disputa electoral o modelo ultra-liberal e españolista radical que representa o Partido Popular de Madrid logo de 26 anos de corrupción, espolio e privatización de servizos públicos. A Comunidade de Madrid é o centro neurálxico da vida política e financieira do Reino de España.
A gravidade do acontecido senta un precedente. Estamos a vivir momentos que invitan a que, aconteza o que aconteza, todas as forzas democráticas sexamos conscientes de todo o que está en perigo nos vindeiros tempos. Animamos a todos os sectores e axentes sociais do noso país (políticos, sindicais, educativos, culturais…) a estar vixiantes e illar calquera manifestación de conivencia coas ideas e accións totalitarias que representa a ultradereita fascista, pola ameaza que supón ás nosas vidas.
Fascismo Nunca Máis!
Galiza, 27 de abril 2021