Saímos á rúa o 1 de maio de cada ano lembrando a loita da clase traballadora en defensa dos seus dereitos e sendo conscientes de que os avances en liberdades e dereitos sociais, laborais e democráticos só se acadan e preservan coa loita da clase obreira traballadora e das clases populares.
Hoxe, máis ca nunca, debemos reivindicar a defensa da liberdade e dos dereitos humanos ante os esmagadores efectos dun capitalismo que xera desigualdades múltiples, explotación, precariedade e incerteza entre a maioría social do noso país: a pandemia da covid-19 agravou as diferencias sociais, sendo as mulleres e a mocidade as grandes prexudicadas, cunhas cifras de desemprego alarmantes e o empeoramento drástico das condicións laborais e da calidade de vida de grandes maiorías sociais.
Ante o agravamento dunha crise que viña larvada debemos saír á rúa este 1 de maio e nos meses seguintes para impedir, unha vez máis, unha saída inxusta e que fortaleza as posicións das grandes empresas e capitais. Tamén, en alerta ante o auxe dos discursos do odio do neofascismo.
O plan na xestión dos fondos europeos por parte do goberno español e do galego auguran que si non hai forte mobilización da xente nas rúas, a elite económica sairá moito máis reforzada grazas a uns fondos que pagaremos todas e todos. Un novo espolio sumado á estafa que supuxo a Gran Recesión do 2008 e a corrupción permanente.
Por iso, desde Anova animamos a saír este sábado á rúa a reclamar a derrogación da reforma laboral, a mellora das pensións, o control público do prezo dos alugueiros e políticas de vivenda e outras sociais, máis unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva e suficiente para reforzar o sector e servizos públicos, que foron compromisos do goberno español aínda non executados.
E tamén para esixir ao goberno galego que abandone a conivencia coa economía extrativista e depredadora e propoña políticas efectivas de emprego que sexan sostibles, e deixe de ser o testaferro das grandes empresas.
Non debemos esquecer que este día é unha data reivindicativa a nivel internacional, polo que a solidariedade internacional debe ter presente a erradicación da pandemia da Covid19. Apostamos porque o acceso ás patentes das vacinas e a súa distribución debe estar garantido canto antes para todos os pobos do mundo.
Debemos reforzar a loita diante dos cantos de serea dos “grandes acordos de país” que, sen mobilización previa, suporán simplemente o reforzamento do “status quo” e un xeito de complicidade coa nova estafa ao pobo traballador.