Anova respalda a convocatoria desta gran manifestación que será o sábado 5 de xuño ás 12:00h e fai un chamamento a unha mobilización masiva, seguindo ás organizacións convocantes, contra o modelo do espolio que pretende impoñer o goberno galego a través dun despregamento de parques eólicos en beneficio exclusivo do oligopolio eléctrico.
Xa está ben de que as elites económicas parasitarias e extractivas leven a cabo este espolio.
As organizacións e colectivos convocantes están organizando un movemento que, día a día, está sendo un movemento de referencia e autodefensa do territorio que fai o que un goberno decente debería facer: defender á xente, ao medioambiente, á paisaxe e á cultura, ademáis de a unha economía local en beneficio de todas e todos. A través da constitución de organizacións, colectivos e plataformas que informan e axudan á veciñanza local nesta loita contra o que é un auténtico atropelo.
É decisiva esta loita pois nela xogámonos non só os valores ambientais se non un modelo económico deseñado a medida do oligopolio eléctrico, ou ben democratizado e con soberanía plena onde o pobo poida decidir. O goberno galego, durante estes anos, foi conivente cos donos do vento en Galiza, facendo leis a medida: só hai que ver o exemplo de Beatriz Mato, que usou a Consellaría co fin de traballar agora para unha empresa do sector. Debido a isto e outras razóns non se dan as condicións para que a instalación destes parques eólicos se faga compaxinándoo co respecto ao medio ambiente e cunha protección debida, sen garantir un equilibrio beneficioso para o conxunto do país.
Asistirá o Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez.
Lugar: Alamenda de Santiago de Compostela
Hora: 12:00 h