Hoxe coma onte: NON Á GUERRA!

Por Anova IN o 26 de Xaneiro de 2022 en Actualidade

Asistimos a unha escalada militar no corazón de Europa. Ucraína leva cando menos unha década padecendo un conflito interno de notable envergadura, con episodios de violencia implacable. A rexión do Donbass é, de facto, territorio (pro)ruso mentres o resto do país está dirixido desde Kiev por un goberno pro-occidental que botou man de batallóns neonazis pra levar adiante unha política de terror e exterminio naquel territorio.

É coñecido que Ucraína foi historicamente unha “zona quente” pola súa situación xeográfica e por mor das súas cobizadas riquezas naturais (terras fértiles, minerais, lugar de tránsito de grandes gasodutos…) e sitúase, polo tanto, nunha posición de risco obxectivo ao atoparse na área de disputa xeo-estratéxica entre a OTAN e unha Federación Rusa cada vez máis asediada pola presión constante desta.

Vivimos tempos convulsos: á situación pandémica e das diferentes crises globais que se solapan (enerxética, climática, de refuxiados, guerra comercial…) súmaselle o auxe neofascista como movemento internacional capitaneado por diferentes autócratas en distintos puntos do mapa (o mandato de Donald Trump configurou un novo xeito de entender isto, tamén nas “democracias liberais occidentais”), así como a pugna entre uns EUA en declive estratéxico e unha República Popular China en progresión e crecemento por converterse na gran superpotencia militar, tecnolóxica, económica e política do século XXI. Unha lóxica de nova “Guerra Fría” na que a Federación Rusa quere asomar novamente a cabeza, con forzas renovadas, logo da implosión da URSS.

A política imperial dos EUA atopa resistencias en boa parte do mundo: Latinoamérica, Oriente Medio, Eurasia, África…mais esa estratexia global promove enfrontamentos e inestabilidade permanente.

 A UE asiste coma un convidado de pedra e dividida a un perigo real e potencial maiúsculo nas súas propias fronteiras, practicando un sometemento lamentable e seguidismo dos intereses dos EUA, nunha situación na que ten moito máis que perder do que gañar.

 Por iso dende ANOVA, expresamos:

1. Rexeitamos toda presión exercida pola OTAN ao servizo dos intereses imperialistas norteamericanos.

2. Defendemos a soberanía dos pobos e opoñémonos a toda caste de agresión militar.

3. Instamos a que a cultura do diálogo entre as partes se extreme ata esgotar todas as vías diplomáticas, evitando así o inicio dun conflito violento que, previsiblemente, só pode ter consecuencias nefastas para as clases populares de Europa e mesmo do mundo enteiro. Porque na guerra sempre perden os pobos.

4. Instamos ao goberno do Reino de España a comprometerse, firme e decididamente, contra a guerra e a abandonar a posición ridícula de enviar “axuda” militar irrisoria para “ameazar” a unha potencia nuclear, defendendo intereses alleos e comprometendo a seguridade da xente do común.

5. Por todo isto, hoxe e sempre, volve resoar un berro unánime e decidido: Non á guerra!