Manifesto Anova – 2022

Por Anova IN o 7 de Abril de 2022 en Actualidade

No mes de abril, o das revolucións democráticas ibéricas, da Fronte Popular e da II República, as mulleres e homes de Anova comezámolo cun debate interno asembleario no que reflexionamos sobre a situación política do noso país e da conxuntura xeral, para analizar o mellor xeito de organizarse, de cooperar e de sumar vontades para transformar a realidade. Facémolo coa intención de partillar esta loita con todas as que teñan os mesmos anhelos de xustiza e de dignidade.

O gran teatro do neoliberalismo, nesta fase, mostra máis ás claras que nunca que o capitalismo é incompatible cunha vida humana digna para todas, e reproduce cada vez máis sufrimentos para cada vez máis xente. Contra o que agoiraron nos últimos decenios os propagandistas dos centros do poder e os promotores do pensamento único, non se albisca no horizonte a fin da historia arredor da ideoloxía dun mundo globalizado unipolar de inspiración occidental. Ben ao contrario, ese proxecto desmorónase pola vía dos feitos logo de trinta anos de vixencia: a “crise de hexemonía” incorpora arestora, á concentración extrema da riqueza, desigualdade; e á crise climática unha carreira armamentística e militarista declarada.

A cobiza do gran capital e o seu control oligárquico lévanos a unha perda continua de dereitos para as persoas traballadoras do que é exemplo claro a constante perda de poder adquisitivo e a perda do seu peso substantivo con respecto aos beneficios dunha minoría. Así, son xa endémicos no noso país os salarios que non dan para vivir, os desafiuzamentos, a precariedade, a anguria na xente moza ou que non o é tanto porque non ve futuro e un longo feixe de consecuencias da violencia con que o sistema actúa para acaparar beneficios coa aquiescencia de institucións que deberan velar polo interese xeral.

O estado depresivo pandémico deu paso á súa sublimación psicótica a través da pulsión de agresividade e de morte na diplomacia e nas relacións internacionais, no control dos recursos cada vez máis escasos e na represión dos frecuentes conflitos sociais. A situación de podremia e descomposición leva á barbarie e á fascistización política e social: ademais, as guerras chaman polo fascismo, e o fascismo chama polas guerras. Emporiso:

AFIRMAMOS

  1. Que a cobiza pola depredación sen fin dos recursos naturais finitos e explotados por unhas oligarquías progresivamente fanatizadas na lóxica da acumulación empurran ás potencias e aos estados a unha confrontación multidimensional prolongada. Que calquera disputa desta natureza disipa ou liquidaría a idea mesma de progreso.
  2. Que os límites biofísicos do planeta e as mudanzas climáticas, ás veces extremas, son tamén xa fonte de inestabilidade permanente e unha ameaza para a viabilidade da vida na Terra. E que iso non se deterá se non botamos freo á “locomotora do crecemento” e aos modelos de vida do hiper-consumismo e dun turbo-capitalismo que leva inevitablemente á escaseza e a maiores confrontacións.
  3. Que a resultante do edificio kafkiano e antidemocrático chamado hoxe UE vese empurrado, contra os seus valores fundacionais, a converterse nun apéndice no continente europeo dos intereses espúreos da insaciable plutocracia norteamericana, e non só.
  4. Que a configuración deste escenario aboca aos pobos europeos -no mellor dos casos- á redución drástica do seu “estado de benestar”, xa lastrado e atacado nos últimos lustros, co perigo certo dunha maior degradación cultural, social, política e institucional ata escorregarse na escuridade das tebras como aconteceu mutatis mutandis nos anos 30 do século XX. Unhas “clases medias” depauperadas e medosas puideran reproducir monstros outra-volta, mudando seguridade e certezas polas súas liberdades e dereitos.
  5. Que os medios de comunicación de masas, nesta deriva, actúan como caixa de resonancia das clases privilexiadas traficando coa des-información. Reproducen esquemas binarios e simplifican a complexidade, pretendendo adhesións inquebrantábeis. Axitan o medo, retorcen realidades e defórmanas, agochan outras e estenden a pantasma do caos polo caos desprazando, desprezando e censurando voces e visións serenas, críticas ou alternativas.
  6. Que o Estado español e a súa arquitectura política e xudicial está podre, cunhas institucións  que serven aos intereses dunhas elites parasitarias do público. A Guerra e o apoio á escalada bélica colócanos de cheo ás portas dunha nova crise económica e social que se superpón ás demais que se foron arrastrando no último decenio, marcadas pola corrupción estrutural impune no aparato do estado e na súa conivencia con saídas autoritarias que ansían reconverter á cidadanía, depositaria de innatos dereitos cívicos e políticos, en súbditos.
  7. Que neste interregno do PPdeG ao PPdeG na Galiza, o balance de corenta anos de auto-anemia -trece deles baixo a ofensiva dun neoliberalismo salvaxe- pivota xaora na histórica relación colonial respecto dun estado español que actúa coma un protectorado dun protectorado (UE) dos EUA. Catro décadas de “autonomía” ofrecen un resultado pobre: espolio sistemático dos recursos (enerxéticos, económicos, financieiros, mineiros, mariños, montes en mancomún…), da forza de traballo (emigración, exterminio do campesiñado), de capital social básico (desertización da Galiza rural), destrución e alienación de tecido produtivo industrial e tamén un ecocidio, un etnocidio e un lingüicidio sistemático. Un pobo en vías de exterminio, e unha nación en vías de extinción.

Fronte a esta traxedia as forzas políticas propias do país, que durante os dous derradeiros decenios do século XX plantámoslle cara aos poderes coloniais, proxectando na instancia política as enerxías dunhas clases populares que non deixaran de loitar seguindo o camiño aberto polos nosos ancestros do galeguismo político desde a Revolución de 1846 e logo polas xeracións que combateron as ditaduras, tamén cometemos erros: non soubemos estar á altura nos últimos tempos, e temos responsabilidades niso.

Inda así, compre seguir na loita por unha Galiza Ceibe e Socialista. Por unha República Galega de iguais en fraternidade cos demais pobos da península ibérica e do mundo.

Nesta loita estamos abertos a sumar ata a última muller ou home que comparta as nosas motivacións e estamos seguros de que con elas nos iremos atopando nas rúas, nos conflitos e nos debates, porque sabemos que só coa organización cidadán para rebelarse contra este estado das cousas conseguiremos cambialas.

Entre outras, e quizaves hoxe máis ca nunca

REIVINDICAMOS:

  • Autodeterminación, cambio de réxime e republicanismo: un proceso de ruptura co Réxime monárquico español que garanta a nosa plena soberanía de Galiza como nación. As estruturas do Réxime máis alá dos gobernos, comezando pola Monarquía e continuando por unha cúpula xudicial golpista, téñense demostrado como verdadeiros obstáculos para as mudanzas que precisamos. Co obxectivo da República Galega pretendemos non só un cambio formal de réxime senón unha verdadeira democratización, onde a soberanía resida na xente común: a soberanía popular.
  • Anti-capitalismo: fronte aos valores hexemónicos que están na base dun sistema en crise promoveremos a xustiza, o diálogo, a equidade, a igualdade, a solidariedade, a fraternidade, a defensa dos bens comúns e o benestar colectivo.
  • Ecoloxismo: a crise enerxética provocada pola escaseza de combustibles fósiles e a crise de materias primas, ademais da contaminación, ou a redución da biodiversidade, son unha ameaza á existencia. Non hai hoxe loita que non pase pola consideración central dunha visión ecolóxica.
  • Igualitarismo, democratización e planificación da economía: son xa décadas de acumulación impúdica de poder en mans do capital. A desigualdade mata, así como tamén a deriva da falta de control efectivo da economía por parte das institucións públicas. O control dos sectores estratéxicos que garanten dereitos básicos ten que estar  enriba da mesa. Queremos soberanía alimentaria e enerxética sobre o noso territorio, e os nosos recursos. A loita pola recuperación dos servizos públicos parasitados polas grandes corporacións: sexan no abastecemento e saneamento de auga, no coidado a dependentes ou na sanidade. O chamado libre mercado móstrase incompatible coa vida para demasiadas persoas. Apostamos por unha planificación da economía que poña en valor a vida.
  • Feminismo: os sistemas de dominación precisan a violencia para perpetuarse. No patriarcado as violencias machistas son a ferramenta para acadar a reprodución dos roles de xénero e, en consecuencia, a submisión da muller e das diversidades afectivo-sexuais.
  • Antimilitarismo: a crise capitalista e de hexemonía promete un maior investimento en armamentos no nome da seguridade colectiva, a risco de que resulte no contrario. Un dos eixos da nosa loita será a de esixir a saída do estado español da organización político-militar OTAN e a adopción de posicións non-aliñadas cos intereses da industria militar na lóxica das guerras, que van en detrimento do benestar social. A OTAN é incompatible cunhas relacións internacionais en Paz.
  • A hora da cidadanía mobilizada: fixaremos a ollada naqueles sectores conscientes que se mobilizan e dan a batalla día a día no local e en calquera ámbito; na defensa do territorio e en contra do espolio eólico ou mineiro, nas plataformas que defenden a sanidade pública, os coidados das persoas dependentes desmercantilizados e na procura do empoderamento cidadán. A nosa aposta polo municipalismo basease na necesidade do traballo dende o máis próximo, e dun xeito horizontal e radicalmente democrático. Alí onde estea artellada ou se artelle unha asemblea municipal de unidade popular contará coa colaboración das  xentes de Anova.
  • Antifascismo: o auxe da ultradereita no seo da sociedade civil e política do estado español e do resto do continente europeo é motivo de gran preocupación desde hai anos. Combater eficazmente o fenómeno por todos os medios pasa tamén por dar resposta ás necesidades da xente do común desde as institucións: servizos sociais públicos, sanidade pública e ensino público e fortalecidos son axentes fundamentais da contención da perversa serpe que aspira a converterse en Besta.
  • Laicismo: a separación real e eficaz Igrexa Católica-Estado e a necesidade de respectar todas as manifestacións relixiosas no ámbito privado e público reafírmanos na idea de que é moito o traballo que queda por facer inda hoxe na nosa sociedade. A loita por un estado laico e sen privilexios de ningunha caste.
  • Memoria: non abandonar nunca a loita pola Memoria Histórica e a defensa de Xustiza, Verdade e Reparación dos crimes cometidos pola ditadura franquista, coa mirada posta nun futuro republicano.