O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de facer público o decreto-lei polo que aproba o plan de ordenación do espazo marítimo (POEM) para a implantación de parques eólicos. Dos cinco mil quilómetros cadrados de zonas aprobadas, case a metade están situados fronte ás nosas costas, o que vai supoñer un impacto directo con múltiples implicacións.
Anova está comprometida na loita contra o cambio climático e a necesidade de adoptar medidas urxentes que garantan unha transición enerxética. Nese senso somos concientes da importancia das enerxías renovables para abordar esta emerxencia e diminuir a dependencia fósil na enerxía que empregamos. Sabemos que a situación xeográfica do noso país fai que teñamos moitos recursos, vento especialmente. Aínda así, todas estas necesidades e potencialidade nosas non poden servir de coartada para unha proposta que non garante beneficios ambientais e socias na nosa terra, reproducindo os erros doutros aproveitamentos enerxéticos e da implantación eólica pasada e presente no noso territorio.
Despois de establecer un diálogo e unha escoita activa con diversos sectores, non sempre con posicións coincidentes, son moitas as razóns polas que Anova se manifesta contraria a este modelo de explotación do vento no noso País. Queremos sinalar aquí algunhas delas:
– A propia tramitación deste Real-Decreto, anulando o procedemento normal pola vía parlamentaria que permite a achega de emendas á mesma, amosa a vontade do goberno de operar de costas á sociedade galega á que non se lle concedeu o trámite de audiencia nin de participación preciso neste asunto de importancia capital para o noso futuro.
– A proposta afonda na hipótese colonial xa que non obedece ás necesidades propias enerxéticas de Galiza, que asume os custes ecolóxicos e económicos da súa implantación sen tirar os proveitos debidos, como serían un menor prezo sobre a base dunha tarifa eléctrica galega que permitise un aforro na factura da luz para as familias, así como a instalación de novas industrias ou a mellora das actuais.
– Estamos, ademais, ante un modelo exclusivamente privativo, no que os ingresos desta actividade, cun gran impacto social e económico, non contemplan a participación pública no mesmo mediante a constitución dunha empresa galega de enerxía, que socializase ao conxunto da cidadanía os beneficios económicos desta actividade. Os lucros serán exclusivamente privados e irán engrosar aínda mais os beneficios dun oligopolio enerxético que vén de presentar en datas recentes o seu balance do exercicio pasado no que amosan unhas ganancias obscenas.
– Por último, Anova considera que a aprobación destes POEM vai supoñer un grave prexuízo para o noso sector pesqueiro, peza chave na nosa economía, de longa tradición e cunha práctica maioritariamente sustentable. As declaracións da Ministra Ribera onde garante a convivencia da eólica mariña coa actividade pesqueira contradinse co propio RD 150/2023 que sinala a imposibilidade de cuantificar o impacto real. Semella que con esta proposta ao goberno español importalle pouco a posibilidade no futuro de levar a nosa frota a un novo amarre que convirta de facto as nosas vilas costeiras en recursos turísticos e de man de obra para a emigración.
Ante a gravidade desta iniciativa en curso, Anova chama á cidadanía galega a mobilizarse de xeito inmediato en defensa da xente do mar e do noso dereito a decidir na necesaria transición enerxética sobre o noso territorio.
Eólica si, en Galiza tamén, pero non así.
Cando se reparten as cuotas de pesca ….
Cando se reparten os muiños de vento a esgalla…
Cada territorio que terme da sua vela
Isto non é solidariedade é NEGOCIO para os protexidos do sistema