Anova pon en valor os resultados de máis de 30 candidaturas municipalistas que terán a posibilidade de acadar Alcaldías ou condicionar gobernos de esquerda en varias localidades do país.
A organización, que non concorrerá con candidatura propia aos comicios do 23 X, entende como necesario concentrar o voto na defensa da democracia, os nosos dereitos sociais e a soberanía popular e nacional de Galiza.
Anova celebrou no día de onte a súa Coordinadora Nacional onde avaliou os resultados das eleccións municipais do pasado 28M, así como a convocatoria dun novo proceso electoral no estado o vindeiro 23 de xullo.
A nova permanente escolleita en setembro de 2022 marcouse como obxectivos nos últimos meses a posta en valor da organización para o combate político, o acompañamento dos movementos sociais en defensa do territorio, a cultura e os servizos públicos, así como o apoio ás candidaturas municipalistas espalladas polo país adiante.
“Quero enviar unha mensaxe de agradecemento polo traballo e os resultados das máis de 30 candidaturas municipalistas que hai uns días acadaron representación nas súas localidades e que terán a posibilidade de ostentar Alcaldías ou condicionar algúns gobernos de esquerda en varios Concellos do país. Elas son a constatación da existencia dun espazo político en Galiza sen representación no parlamento galego que precisa tecerse dende o local, o soberanismo e a república das máis para construír unha alternativa de esperanza, na liña do horizonte das vindeiras eleccións autonómicas do 2024 nas que Anova ten decidido participar” sinalou o voceiro nacional Martiño Noriega.
O traballo a realizar no vindeiro ano non pode agochar a emerxencia dun presente condicionado pola posibilidade dun goberno no estado da dereita e os ultras a partires do próximo 23 de Xullo. Diante disto Anova, que non concorrerá con candidatura propia a estes comicios por unha cuestión de responsabilidade e xenerosidade, entende como necesario facer un chamado a concentrar o voto antifascista na defensa da democracia, os nosos dereitos sociais e a soberanía popular e nacional de Galiza: “Non é un momento para as equidistancias, os cálculos electorais ou as vitorias de parte que agochan unha posible derrota de todas. Estamos a tempo de evitar un goberno do PP e de VOX que instale ao noso país nunha longa noite de pedra” afirmou Noriega.
Anova, que celebrará unha nova Coordinadora Nacional dentro de dúas semanas, encetará unha serie de contactos co municipalismo, os movementos sociais e outros espazos políticos para intentar mobilizar e sensibilizar á cidadanía consciente da necesidade de participar nun momento tan relevante da nosa historia recente.