O 11 de outubro de 2024 o Instituto Galego de Estatística fixo público o seu informe sobre uso e coñecemento do galego onde puña de manifesto que, por primeira vez na historia do país, o español é a lingua máis falada. As persoas que falan só galego ou máis galego que castelán en Galiza constitúen só o 45 por cento da poboación, o que supón un retroceso de seis puntos desde o 2018.
Pero estas cifras son aínda máis preocupantes entre os sectores máis novos da poboación, onde o galego só é falado por un 16 por cento das persoas entre os 5 e os 14 anos, é dicir, en termos absolutos, só 30 mil rapaces e rapazas galegas falan agora mesmo a nosa lingua. Pola contra, o número de falantes en español nesa mesma franxa de idade acada os 170 mil.
Sen dúbida, son moitos os factores que explican o devalo da nosa lingua: o proceso de urbanización, a chegada de continxentes de persoas migrantes que non contan co apoio de políticas públicas para coñecer e usar o idioma, ou a abafante presenza do español no entorno dixital. Mais tamén é certo que non se están a empregar os poucos recursos que o galego dispón para a súa defensa. Referímonos á educación pública e aos medios de comunicación públicos.
Un estudo sociolingüístico realizado pola Real Academia Galega coa poboación escolar de Ames no 2021 amosa que, lonxe de servir para recuperar falantes, a escola é un factor castelanizante máis que, ao longo do ciclo educativo provoca que un terzo do alumnado que empeza a escola falando galego, acabe por pasarse ao castelán. Isto amosa a eficacia do chamado Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo primeiro goberno de Feijóo en 2009 cando, apoiándose na mentira da imposición do galego, reduciu o seu uso á metade no ensino.
Por outra parte, a televisión pública, que podería ser un medio de galeguización da rapazada, carece dunha programación destinada a este público que poida servir de contrapeso ás outras tres canles de televisión infantil en español. Para empeorar este panorama, acabamos de ver como se admite o uso do castelán nas probas de acceso ao ente público o que fai previsible a perda de calidade do uso do galego e a súa convivencia e substitución polo español a medio prazo.
Cómpre salientar tamén o informe da Comisión Europea sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas para o caso do galego no estado español publicada en setembro do ano pasado. Nela a Comisión recomendaba remover os atrancos ao uso do galego como lingua vehicular nas ciencias, no trato coa administración pública, cos centros sanitarios e cos tribunais de xustiza.
Hoxe vemos como o goberno de Rueda, lonxe de derrogar a lexislación antigalega do seu predecesor, puxo ao frente da consellería de cultura a unha persoa evidentemente incompetente e incapaz para o seu cargo, alguén que non posúe nin os coñecementos nin a vontade de mudar a relación do goberno autonómico en mans do Partido Popular coa única lingua propia de Galiza.
Por estes motivos, desde Anova Irmandade Nacionalista reclamamos o seguinte:
A derrogación inmediata do Decreto de Plurilingüísmo e a súa substitución por outra norma que garanta o uso do galego, cando menos, no setenta por cento das materias lectivas en todas as etapas do ensino público.
A posta en servizo dunha canle da TVG cunha programación en galego destinada unicamente ao público infantil.
A posibilidade de contar coa Lingua Portuguesa como sinatura optativa en todos os centros de educación secundaria de Galiza.
A dimisión do conselleiro de Cultura, que debería ser relevado por outra persoa competente para o cargo.
ANOVA pide a dimisión do Conselleiro de Cultura pola súa incompetencia perante a situación dramática da Lingua galega
O seu voceiro Martiño Noriega fai un chamado a participar na manifestación convocada para o vindeiro 23 de Febreiro en Compostela
Anova celebrou no día de hoxe unha palestra en Compostela sobre “A situación do galego:diagnose e perspectivas”. Na mesma participaron diferentes ponentes representativas polo seu compromiso vital co idioma como Francisco Fernández Rei (RAG), Mar Lopes (AGAL), Marilo Candedo (Nova Escola Galega) e Branca Nazaré (do eido do ensino público). A palestra foi moderada polo escritor e membro da Permanente de Anova, Alberto Lema.
O voceiro desta organización, Martiño Noriega, afirmou que “Tan só dende a escoita activa e sen mirarnos o embigo seremos quen de tecer opinións diversas para mudar o estado das cousas, nunha cuestión onde nos vai a vida e o futuro como é a situación actual da lingua galega”.”Ás portas da manifestación do 23 de Febreiro cómpre facer un chamamento á participación da cidadanía na mesma dende o convencemento de que, dada a vocación exterminadora coa diversidade do goberno do PP, tan só a xente pode salvar o idioma”