Anova ante o rearme europeo e a ameaza extractivista:

Por Anova IN o 7 de Abril de 2025 en Actualidade

Diplomacia, Autonomía e Defensa do Territorio

Diante do alarmante contexto europeo, marcado polas esixencias dun incremento exponencial dos gastos militares proposto pola Comisión Europea (800.000 millóns de euros) e secundado por boa parte dos gobernos, entre eles o español, en claro cumprimento das directrices da OTAN e dos Estados Unidos, Anova quere manifestar que:

  1. Berramos forte, novamente, Non á guerra. Tres anos despois, a invasión rusa de Ucraína constatou, unha vez máis, que a ocupación militar de territorios agrava os problemas en lugar de resolvelos. Expresamos a nosa solidariedade con toda a poboación civil afectada pola guerra, con énfase especial na clase traballadora, tanto ucraína como rusa, que sofre as consecuencias dun conflito non decidido por ela. Lembrando o profundo rexeitamento do pobo galego á guerra como método para solucionar conflitos internacionais.
  2. Reafirmámonos nos principios irrenunciables da defensa da Paz. Fronte á lóxica da confrontación, defendemos as vías diplomáticas e o diálogo como únicas ferramentas válidas para a resolución dos actuais conflitos, especialmente no Leste europeo e Oriente Medio. A historia demostra que a escalada militar só trae máis sufrimento e destrución. Recoñecemos o carácter esperanzador ante un posible fin da guerra, pero advertimos que ningún acordo será duradeiro sen a complicidade e implicación de todas as partes.
  3. Rexeitamos a falacia do rearme como garantía de seguridade. A xustificación de que “prepararse para a guerra evita a guerra”, repetida desde Bruxelas, é un perigoso sofisma que só impulsa a espiral bélica. Rexeitamos categoricamente a asignación de inxentes recursos públicos para o incremento das xa elevadas partidas orzamentarias militares, mentres se desatenden necesidades sociais urxentes en sanidade, educación ou vivenda. Denunciamos o uso eufemístico do “investimento en seguridade” cando, na realidade, supón un rearmamento efectivo ao servizo de intereses alleos. Manifestamos o noso claro rexeitamento á vontade militarista de certos dirixentes e estados da UE e denunciamos a subordinación europea aos intereses estratéxicos da OTAN, de Washington e do seu expansionismo.
  4. Cuestionamos a suposta “autonomía estratéxica europea” cando implica maior militarización. Rexeitamos a creación dunha forza militar conxunta europea se esta non cuestiona a pertenza do Estado español á OTAN, senón que reforza e apuntala o seu papel belicista e a subordinación aos intereses de Washington. A UE perdeu oportunidades valiosas para actuar como un actor de paz autónomo, preferindo seguir a estratexia de desgaste ditada desde fóra, que beneficia principalmente á industria militar norteamericana. Reafirmamos categoricamente que non hai outra solución posible que a negociación e o acordo. Europa debe artellar un proxecto propio de seguridade e de autonomía política e militar real para garantir un escenario de estabilidade e paz para todas as partes implicadas.
  5. Denunciamos a conexión entre militarismo e espolio neocolonial. O actual pulo armamentístico global, que beneficia ás elites e á industria militar, está encadrado dentro dun claro proxecto neoliberal e supón unha ameaza directa sobre o noso país. Rexeitamos frontalmente a expropiación e explotación neocolonial dos nosos recursos naturais (minerais estratéxicos, enerxía eólica, etc.) con fins bélicos ou para alimentar a maquinaria industrial que sostén a guerra. A defensa do noso territorio é inseparable da loita pola paz.
  6. Esiximos responsabilidade e alternativas reais. Instamos ao goberno español, aos medios de comunicación e ás forzas políticas a que moderen o alarmismo bélico, que só serve para xustificar políticas militaristas, e presenten un plan viable e serio sobre a seguridade e a Defensa ao servizo dunha política exterior autónoma e orientada á paz, e non ao revés. Como sinalan análises críticas, existen vías e camiños alternativos á suposta inevitabilidade da confrontación militar, como o fomento activo da diplomacia, a reforma de organismos internacionais ou a exploración de modelos de neutralidade.
  7. Apostamos pola acción diplomática e o apoio aos movementos pola paz. Instamos, polo tanto, a que o Estado español exerza un papel activo e independente na procura do diálogo político e diplomático para a resolución dos conflitos. Saudamos e apoiamos calquera iniciativa social auto-organizada antimilitarista que traballe contra a escalada bélica e pola cultura da paz. Tras tres anos de enorme sufrimento, facemos un chamamento a que aquelas forzas e axentes que apostaron polo envío masivo de armas e infravaloraron a negociación revisen as súas posicións, sendo urxente apostar decididamente pola vía diplomática.
  8. Chamamos á mobilización social en Galiza. Facemos un chamamento aos colectivos veciñais, organizacións de base, plataformas sociais e ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos galegos para tecer unha rede coordinada e forte ante as ameazas de novos extractivismos no noso territorio, impulsados agora tamén pola lóxica do rearmamento global. A nosa aposta renovada e constante é pola diplomacia e a negociación entre todas as partes. Defendemos permanentemente os principios de solidariedade, Paz xusta e duradeira, e Soberanía dos Pobos.

En definitiva, Anova mantense firme na defensa da Paz, a diplomacia, a soberanía dos pobos e a protección do noso territorio fronte a un militarismo crecente que ameaza o futuro e benestar das maiorías sociais para beneficio duns poucos.

Galiza, Abril de 2025.