Anova sobre o apagamento de abril

Por Anova IN o 13 de Maio de 2025 en Actualidade

Transcorridos varios días xa desde o apagamento do 28 de abril, e sen que o goberno español se manifestase aínda sobre as causas do acontecido, desde Anova Irmandade Nacionalista consideramos o seguinte:

1) É necesario esclarecer de inmediato as causas do acontecido e depurar as responsabilidades políticas que se derivan das mesmas. Semella evidente que se cometeron erros graves de curto prazo no deseño do chamado “mix” enerxético, e de planificación, como a carencia de mecanismos de estabilización para dotar de seguridade e flexibilidade a produción renovable.

2) O apagamento do pasado 28 de abril evidencia o fracaso da privatización da xeración da enerxía e da súa xestión a través da Rede Eléctrica Española, da que o estado só conserva nas súas mans un 20 por cento do seu capital. Todo parece indicar que no apagamento primaron decisións das grandes empresas do sector que buscaban o seu beneficio sobre a seguridade e estabilidade do fornecemento dun servizo básico, como é a luz, evitando os investimentos imprescindibles en sistemas de estabilización da rede, que tampouco foron esixidos por Rede Eléctrica Española como garante dun servizo esencial.

3) O apagamento puxo de manifesto así mesmo as feblezas do deseño centralizado da rede eléctrica a nivel estatal. Se existisen, -como así recomendan diversas normativas da Unión Europea– redes de xeración e disbribución de enerxía descentralizados o risco dun apagamento xeral sería menor e a súa recuperación máis doada. As fórmulas de produción como Comunidades Enerxéticas seguen a estar bloqueadas polos gobernos central e autonómicos, tanto socialistas como populares, impedindo así o desenvolvemento dun modelo máis democrático de producción enerxética.

4) Galiza segue sen tirar proveito da súa condición de territorio excedentario na produción de electricidade: sin planos que avancen o suficiente na electrificación da nosa economía. Estamos obrigados a aturar o custe ambiental, social e paisaxístico da instalación de novos parques eólicos no noso país e despois vemos como o prezo da electricidade é o mesmo aquí ou en zonas deficitarias na producción eléctrica, como é por exemplo Madrid. Urxe a creación dunha empresa pública de enerxía, e a revisión da estratexía de implantación de renovables.

5) Anova aposta por unha transición enerxética que non estea en mans do mercado e das grandes empresas, senón que sexa democrática, ordenada, ambientalmente respetuosa e socialmente xusta.