Anova considera un ataque directo ao dereito da cidadanía á información pública a decisión da Xunta de Galicia de retirar á Valedora do Pobo as competencias de control da Lei de Transparencia, trasladando esas funcións ao Consello Consultivo, un órgano aínda máis controlado polo Partido Popular.
Segundo a organización política, esta medida —introducida sen debate público a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026— pretende neutralizar as voces críticas que, desde a Valedora, viñan sinalando reiteradamente os incumprimentos do Goberno galego en materia de acceso á información pública.
“Estamos ante un retroceso democrático de primeira orde”, advertiu o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega. “O PP leva anos gobernando con opacidade, manipulando os medios de comunicación públicos, e agora directamente quere tapar as fiestras da administración para que ninguén poida ver o que acontece dentro”.
Esa mesma lei eliminará tamén a presenza tanto dos grupos da oposición como doutras administracións no Consello Galego de Estatística, concentrando o control do organismo na propia Xunta. Esta medida, segundo Noriega, “vai na mesma liña e representa un novo paso na estratexia do Partido Popular de colonizar os espazos de control e participación plural, reducindo o autogoberno a unha mera administración ao servizo do poder executivo”.
A organización soberanista alerta de que a Lei de Acompañamento, convertida xa nunha auténtica “Lei Ómnibus”, é utilizada polo PP para modificar ducias de normas sen debate nin tramitación ordinaria, baleirando de contido o Parlamento galego e degradando a súa función lexislativa.
“A transparencia non é unha consigna”
Noriega lembrou que, durante o seu mandato como alcalde de Santiago de Compostela, o seu goberno situou a cidade entre as máis transparentes do Estado, alcanzando 91,9 puntos no Índice de Transparencia (ITA) de 2017, o segundo mellor resultado de Galicia. Ese índice, elaborado por Transparencia Internacional, avalía 80 indicadores sobre a información pública dispoñíbel nas webs institucionais.
“Demostramos que a transparencia non é unha consigna, senón unha práctica política posible. Fronte ao escurantismo do PP, nós acreditamos na política con paredes de vidro e na dación de contas diante da cidadanía”, subliñou Noriega.
Anova denuncia que coa reforma impulsada polo Goberno de Rueda —que elimina a representación da Valedora e a substitúe por cargos designados a dedo no Consultivo— a Xunta blinda a súa opacidade e reduce os contrapesos democráticos.
No caso do Consello de Estatística, o PP busca politizar o IGE tras anos de tensións por datos que non cadraban coa súa narrativa —como os relativos ao uso do galego—, reducindo a presenza de sectores sociais e institucionais e substituíndoos por persoas designadas a dedo, eliminando así as voces incómodas.
“Estamos ante unha operación calculada para neutralizar a fiscalización cidadá e consolidar o poder do PP sen luz nin taquígrafos. A estatística pública é un instrumento esencial para a transparencia, a planificación e a avaliación das políticas, e o seu secuestro político constitúe unha ameaza directa á democracia galega”, engadiu o portavoz nacional.
Anova considera imprescindible reverter a reforma, recuperar a independencia da Comisión da Transparencia e abrir un pacto galego pola transparencia e o control cidadán, que garanta un acceso real á información pública e poña fin ao uso abusivo da Lei de Acompañamento como atallo autoritario e antidemocrático.
“A transparencia e a dación de contas son conquistas cidadás, non concesións do poder. Algo que o Partido Popular non parece entender, nin neste caso nin noutros, como os informes sobre a fusión das caixas ou os pactos con Altri”, concluíu Noriega.