
Santiago, 15 de novembro de 2025.- Anova-Irmandade Nacionalista celebrará o vindeiro sábado 29 de novembro, en Santiago, unha Xornada Municipalista baixo o título “O local como chave transformadora”. A cita desenvolverase entre das 10:00 e as 14:00 horas na Casa das Asociacións de Cornes e procurará ser un espazo de encontro, diálogo e articulación entre experiencias municipalistas de todo o país para repensar o papel do local na transformación política, social e ecolóxica do país.
No marco do proceso de reorganización que a formación soberanista está a impulsar, Anova reafirma o seu compromiso cun municipalismo plural, cooperativo e enraizado na realidade de cada territorio, que entenda o poder local non como un fin en si, senón como un instrumento ao servizo da xente do común. A organización política lembra que a súa orixe está profundamente ligada ás experiencias municipais que, desde hai máis dunha década, amosaron que é posible gobernar doutro xeito: desde abaixo, con participación cidadá, transparencia e vontade de transformación real.
Para Anova, o municipalismo segue a ser o espazo máis axeitado desde o que reconstruír a confianza social e política, nun momento no que as certezas democráticas e as conquistas sociais están ameazadas por dinámicas autoritarias e pola mercantilización das institucións públicas. “O municipalismo non pode ser nin un refuxio político nin reducirse á simple xestión da monotonía”, sinala Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova, “senón que debe exercer desde unha práctica política de fondo, que conecta políticas transformadoras no social coa defensa da democracia e coa construción nacional galega”.
Do local ao nacional para transformar
Noriega insiste en que “o local é o primeiro chanzo político no que se materializan as grandes loitas do noso tempo: o feminismo, a xustiza social, a transición ecolóxica e a defensa dos servizos públicos” salientando que “os concellos son a trincheira desde a que se poden asentar as bases que garantan unha vida digna, unha economía ao servizo das persoas e unha democracia viva”. Ao seu xuízo, resulta urxente “recoñecer e artellar as experiencias municipais que xa existen e promover novos espazos de cooperación para manter viva a cultura política do inconformismo que sempre definiu o proxecto de Anova”.
A xornada estruturarase arredor de dúas mesas de debate: a primeira delas contará coa presencia de diferentes representantes institucionais nos concellos galegos e baixo o título O local fronte á emerxencia democrática, ecolóxica e social reflexionará sobre as crises que nos amezan e que respostas se poden articular desde os municipios. Xa na segunda mesa, Artellar para transformar: do local ao nacional, abordarase como estruturar unha rede galega do municipalismo transformador partindo dun suxeito plural e con diversos axentes espallados.
A formación chama á participación das candidaturas, colectivos e activistas que seguen a traballar por un país máis xusto, igualitario e sostible, convencida de que a cooperación e a complicidade entre as experiencias locais son condición indispensable para construír futuro. O municipalismo galego debe ser a base dun novo proxecto de país, libre, democrático e solidario”, conclúe Noriega.