Anova organiza a xornada “O local como chave transformadora” con referentes das experiencias municipalistas galegas

Por Anova IN o 28 de Novembro de 2025 en Actualidade

Anova-Irmandade Nacionalista celebrará este sábado 29 de novembro, na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3), en Santiago de Compostela, a Xornada Municipalista “O local como chave transformadora”, un espazo pensado para recuperar a centralidade política do municipalismo galego e para artellar, desde abaixo, novas alternativas transformadoras nun momento de clara emerxencia democrática, ecolóxica e social. A cita desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e contará coa participación de representantes de diversas candidaturas municipalistas e espazos do cambio que, ao longo desta última década, contribuíron a construír proxectos políticos de proximidade centrados en mellorar as condicións de vida da xente. A Xornada estrutúrase arredor de dúas mesas de diálogo:

MESA 1: O local fronte á emerxencia democrática, ecolóxica e social
 Modera: Santi Martínez (concelleiro de 2015-2023 por Veciñanza de Cuntis)
 Interveñen:
 • Julián Bustelo (Alcalde por Rianxo en Común)
 • Benito Portela (Alcalde por Sada Maioría)
 • María Rozas (Tenenta alcaldesa por Compostela Aberta)
 • María Xosé Fernández (Concelleira por Vilalba Aberta)

MESA 2: Artellar para transformar: do local ao nacional
 Modera: Concha Fernández (concelleiro de 2015-2019 por Compostela Aberta)
 Interveñen:
 • Martiño Noriega (Portavoz nacional de Anova)
 • Xulio Ferreiro (Alcalde da Coruña 2015–2019 pola Marea Atlántica)
 • Nerea P. Carballeira (Concelleira de Ferrol En Común)
 • Xosé Manuel Beiras (Fundador de Anova)

Para Anova, esta Xornada supón un paso relevante no proceso de revitalización organizativa e política que a formación está a impulsar nos últimos meses. A organización reivindica o municipalismo como o espazo desde o que se pode reactivar unha política útil, próxima e transformadora, en contraste coa “xestión da monotonía” que, segundo Anova, se instalou en boa parte das alternativas progresistas do país.

Martiño Noriega subliñou que “o municipalismo galego foi, e debe volver ser, a forza que reconstrúa confianza social, que defenda os servizos públicos e que se enfronte sen complexos ás emerxencias sociais, ambientais e democráticas que vivimos”. Para o portavoz nacional de Anova “as experiencias locais que se dan en múltiples concellos amosan que existe capacidade e vontade de transformación real; agora cómpre artellalas e recoñecelas como parte dun mesmo proxecto de país”. Noriega engadiu que “Anova ponse a disposición dese espazo municipalista plural e cooperativo, convencida de que reconstruír o País desde abaixo é hoxe unha necesidade política e democrática”.

A organización destaca tamén a importancia da participación: as dúas mesas reservarán tempo para intervencións do público, procurando que a xornada sexa un exercicio colectivo de reflexión e de articulación estratéxica. Chamando á participación de todas as persoas que desexen contribuír á construción dunha Galiza máis xusta, máis democrática e máis sostible. “Seguimos construíndo organización para construír país”, conclúe a formación.