
Hoxe fíxose público que a Xunta iniciou o arquivo do proxecto de Altri en Palas de Rei ao non poder garantir a conexión eléctrica, despois de quedar fóra da planificación estatal da rede. Non é un xiro voluntario nin unha rectificación ética: é o resultado dunha firme oposición social que, desde o comezo, se opuxo rotundamente a un dos proxectos máis perigosos e perniciosos para o noso territorio.
Se algo podemos afirmar con toda nitidez é que esta vitoria é da sociedade civil galega autoorganizada. Da veciñanza, das plataformas, do movemento de defensa do territorio e de todas as persoas que sostiveron a mobilización, a información compartida e a presión democrática sen pedir permiso.
Foron varias as manifestacións e mobilizacións, tanto en Compostela como na propia Palas de Rei, ou na Arousa, que lle esixiron ao goberno galego que escoitase o clamor do mandato veciñal, advertindo de que ignoralo era servir outros intereses: os dos grandes multinacionais. Fronte ao lucro infinito e ás agresións á terra por parte deses grandes negocios, volveu emerxer o pobo para defender o común.
Neste sentido, desde Anova estamos moi satisfeitos de termos apoiado e acompañado, desde o principio, esta verdadeira rebelión cívica. Entendemos que o noso lugar é acompañar, amplificar e defender —nas institucións e fóra delas— as demandas e loitas que resoan polas prazas e rúas de todo país: que o territorio non se vende, que a vida non se negocia e que Galiza non pode continuar a ser gobernada de costas viradas á súa xente. Porque cando fallan as institucións, emerxe a nación; cando a administración pública non protexe —ou impulsa agresións como neste caso— o país protéxese a si mesmo.
Agora toca unha esixencia simple: que o arquivo sexa real e definitivo, sen conxelacións estratéxicas nin portas traseiras. E toca, tamén, celebrar esta vitoria do pobo autoorganizado porque cando o país se organiza, as vitorias son posíbeis.